A CIG-Ensino defende 124 emendas ao informe da ponencia e ao anteproxecto de modificación da LOE/LOMCE

No plenario do Consello Escolar do Estado

Nacional -

A CIG-Ensino, a través do seu secretario nacional, Suso Bermello, defende hoxe e mañá a súa proposta de emendas ao informe da ponencia elaborado pola comisión permanente do Consello Escolar do Estado (que é preceptivo) e ao propio documento de anteproxecto de modificación da LOE/LOMCE presentado polo Goberno. No debate, o sindicato pretende combater a visión centralizadora que contén tanto o informe deste órgano consultivo, como as emendas presentadas por outras organizacións con representación, como as da patronal dos centros educativos privados e concertados, así como doutras centrais sindicais.

Á marxe da inclusión no novo texto normativo da defensa da identidade, da cultura e da lingua propias, e dado que todo indica que o Goberno non quere dar o paso decisivo de derrogar por completo a LOMCE, como a CIG reclamou desde o primeiro momento á ministra Isabel Celaá, o sindicato centra as súas reivindicacións naqueles aspectos máis lesivos da coñecida como "Lei Wert", así como nas consideracións que lle fixeron chegar os docentes do ensino público galego no último mes.

En palabras de Suso Bermello “pretendemos, ademais, ir un paso máis alá, de aí que entre as 124 propostas se inclúan melloras ao propio texto da LOE de 2006, á que pretende volver o Goberno español con esta modificación da LOMCE”.

Lei educativa de mínimos

Así, desde a CIG-Ensino apóstase por unha lei educativa de mínimos que permita desenvolver unha normativa galega propia e na que se garanta, entre outras cuestións, a gratuidade total do ensino, se fixe unha redución de ratios, se reforce por norma a atención á diversidade, se eliminen as probas externas e as avaliacións de diagnose, se garanta a dotación de persoal e orzamentaria nos centros públicos, se eliminen os itinerarios na ESO, se prohiba o financiamento de centros privados que segreguen por sexo o alumnado e se camiñe decididamente cara á eliminación dos concertos educativos.

De igual maneira, que se garanta o goberno democrático dos centros e a elección do seu equipo directivo, se integren as ensinanzas artísticas superiores na Universidade e se inclúan medidas específicas de mellora das condicións laborais do persoal docente.

Así mesmo, desde o sindicato non se aprecia ningún motivo de peso para adiar a entrada en vigor destas modificacións, dado que non incorpora cambios de calado, polo que lle pide ao Goberno central que elimine o calendario de implantación que se prolonga durante tres cursos académicos máis e faga efectiva a nova lei canto antes.

Volver