A CIG-Ensino denuncia a anulación das axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros

Política Lingüística anunciou que a convocatoria quedará sen efecto no DOG deste xoves día 11

Nacional -

A federación de Ensino da CIG denuncia que os gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística remitíronlles un correo electrónico aos centros de educativos anunciando que a convocatoria de axudas para proxectos de fomento do uso do galego deixarase sen efecto no DOG deste xoves 11 de xuño.

Dende a CIG-Ensino explican que Política Lingüística vai deixar sen efecto dúas convocatorias (centros públicos e centros privados) para o fomento do uso do galego “co argumento de que a pandemia ocasionada pola Covid19 tería impedido que eses proxectos se levasen adiante”. 

Descoñecemos se vai haber limitacións orzamentarias para afrontar os posíbeis pagos, para o que demandamos total transparencia

Lembran que as axudas anuais destas convocatorias están vinculadas a pagos efectuados entre xaneiro e xuño. “É probábel que unha parte dos gastos previstos non se teñan realizado, mais seguramente outros moitos xa estarán executados e pagados”. Tal é así que no propio email dise que, de existir custos realizados entre xaneiro e o 13 de marzo por un lado ou outros vinculados a proxectos na etapa do ensino a distancia, terían que achegarse as facturas á SXPL.

Tamén se indica que os proxectos deste curso poden presentarse na convocatoria do curso 2020/21 como addenda e coas modificacións que se precisen.

Tendo en conta o anterior, a CIG-Ensino considera que o que por un lado ben puidera entenderse como unha menor carga burocrática (as persoas responsábeis non terían que presentar unha memoria xustificativa ao ser anulada a convocatoria) pode, non obstante, implicar outro problema de xestión para os centros, xa que se indica expresamente que as facturas deben ir co NIF e a nome da SXPL, cando os pagos que estean xa realizados e contra factura o estarán a nome do centro educativo. No suposto de facturas do primeiro trimestre do ano o problema sería aínda máis complexo.

Por outro lado, e ante a falta de concreción por parte da SXPL, “descoñecemos se vai haber limitacións orzamentarias para afrontar os posíbeis pagos, para o que demandamos total transparencia”.

A central reclama explicacións

Ante a publicación anunciada no DOG do xoves 11, a CIG-Ensino demanda da SXPL que a medida que se adopte sexa a menos lesiva para os centros educativos, tanto economicamente como na carga burocrática. Ao tempo, solicitan unha maior aclaración da SXPL aos centros sobre como actuar no caso de facturas xa emitidas ou que é o que se quere indicar exactamente coa presentación “como addenda” para o curso seguinte de proxectos actuais (con convocatoria que nestes últimos anos se publica en xaneiro).

“Convén que as explicacións da SXPL sobre a decisión de anular a convocatoria sexan absolutamente claras e que, baixo ningún concepto, quede sen pagar calquera gasto que para o fomento do noso idioma teñan realizado os centros”. A CIG-Ensino incide ademais en que segue a defender que todos os centros deberían ter dereito a estas axudas e non unha minoría como vén acontecendo ultimamente.

“É máis, desde o sindicato entendemos que se vén de demostrar que para as contías coas que se dotan estas axudas non é necesaria unha convocatoria en concorrencia competitiva como a actual e que sería suficiente unha partida directa para todos os centros, moi superior á actual”.

Fomento do noso idioma

Tamén consideran necesario ter en conta que na convocatoria do ano pasado (cos datos publicados hai agora un ano) só se atenderon o 19,8% das contías solicitadas polos colexios e institutos públicos do país. Houbo 295 centros que recibiron menos de 1€ por cada alumno/a do plan solicitado, sendo a contía mínima 0.07€/alumno/a cunha axuda media de 2,29€ por alumno/a dos centros que percibiron as axudas. “É obvio que con 2€ non se está a fomentar nada e que 7 céntimos é un insulto, non só pola irrelevancia do que a propia axuda implica senón porque retrata sen xénero de dúbida a que a outorga: un Goberno de costas ao idioma que debería defender”. 

Temos un Goberno de costas ao idioma que debería defender

Diante disto, consideran “urxente” un cambio nestas políticas “de abandono e desprezo” pola nosa lingua. “Unha urxencia que non só denunciamos organizacións que, como a CIG-Ensino facemos cuestión da normalización do noso idioma no noso día a día, senón tamén institucións internacionais que certifican a grave situación da nosa lingua en todos os ámbitos e especificamente no ensino”.

Inciden en que o fomento do galego precisa de moitos esforzos. “No tocante ás actuais convocatorias, precísase máis financiamento dos programas de fomento da nosa lingua. Desde unha perspectiva máis global, unha mudanza da normativa que desde hai case unha década porfía en desmantelar o noso idioma, imposibilitando que o alumnado poida rematar a súa escolarización obrigatoria con capacidade para se desenvolver con normalidade en galego”.

Volver