A CIG-Ensino denuncia a Consellaría na Inspección por vulnerar a prevención de riscos na avaliación de vulnerabilidade dos docentes

O profesorado está a recibir unha contestación tipo asinada por persoal facultativo non especialista en medicina do traballo
A Coruña - 23 Out 2020

A federación de Ensino da CIG vén de presentar unha denuncia contra a Consellaría de Educación na Inspección de Traballo da Coruña polo incumprimento da lei de prevención de riscos laborais a respecto das avaliacións de vulnerabilidade do profesorado ante a covid. Ademais, dende a central lembran que o departamento autonómico segue sen convocar os Comités provinciais e o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral para analizar todas as casuísticas que se están a producir nos centros por mor da pandemia.

A CIG-Ensino lamenta que a Consellaría continúe a facer oídos xordos á maior parte das demandas do profesorado con respecto á xestión da crise sanitaria nos centros educativos, mesmo incumprindo a normativa de prevención de riscos laborais nas formas e no fondo. Ao longo deste mes moito profesorado está a recibir resposta á solicitude de vulnerabilidade especial fronte á covid e estase a cumprir o mesmo patrón na actuación da Administración. 

Cando menos a inspección médica da Xefatura Territorial da Coruña non está especializada en medicina do traballo, como obriga a normativa

Por un banda, están a recibir a mesma contestación tipo sen referirse especificamente á situación persoal de cada docente. E por outra non se lle están requirindo informes médicos nin documentación para facer unha avaliación real da situación de especial sensibilidade de cada persoa.

Desleixo da Administración

Pero ademais, na central tamén constataron que estas resolucións, no caso de proceder directamente da Administración, son asinadas pola inspección médica das Xefaturas Territoriais. “E cando menos a da Coruña non está especializada en medicina do traballo, como obriga a normativa de prevención e como se pode comprobar nestes documentos aos que tivo acceso a CIG-Ensino”.

Noutras ocasións a resolución emítese desde a entidade privada que a Xunta vén de contratar para realizar esta avaliación, pero de novo faise sen levar a cabo unha avaliación previa das condicións de saúde ou específicas do posto de traballo do persoal solicitante.

A CIG-Ensino ve nesta actuación unha vulneración clara da lei de prevención de riscos laborais, e por iso presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo da Coruña para que actúe en consecuencia ante a actitude dunha Consellaría que, malia esixírselle por escrito e de forma presencial en reiteradas ocasións, segue sen convocar os Comités provinciais e o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral para analizar todas as casuísticas que se están a producir nos centros por mor da pandemia, “o que demostra o desleixo da Administración ao respecto das condicións de seguridade de profesorado e alumnado”.