A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría xa non vai cubrir as baixas docentes até 2023

Nas semanas anteriores, cos festivos do martes 6 e xoves 8, os chamamentos xa non foron normais
Nacional - 14 Dec 2022

A dúas semanas de comezar o período de vacacións de Nadal a CIG-Ensino acaba de confirmar que non se van cubrir xa máis baixas do profesorado, algo que non por repetido, ano tras ano, deixa de ser grave. O Goberno do Partido Popular volve deixar claro así que a calidade do sistema educativo galego e os dereitos laborais do profesorado non son algo do seu interese e que a educación é un gasto que hai que cadrar.

Unha vez que a Consellaría borrou todas as baixas inferiores a 15 días, atopámonos con 33 baixas sen cubrir: 11 de Ensino Secundario, 14 de Primaria, 7 de Formación Profesional e 1 das Escolas Oficiais de Idiomas. Entre as prazas non cubertas confírmanse baixas de profesorado que imparte en segundo de bacharelato, co que iso vai supoñer de trastorno para un alumnado que se vai ter que enfrontar á ABAU.

Diante desta situación, a CIG-Ensino exixe que, de inmediato, se comece a chamar ao persoal substituto para cubrir todas as vacantes de aquí ao 22 de decembro.