A CIG-Ensino denuncia que Educación presenta unha OPE pechada e sen previa negociación

Asegura que a consellaría ten “alerxia á negociación” e "infla as cifras de promoción interna"

Nacional -

A CIG-Ensino denunciou este martes, tras coñecer a Oferta Pública de Emprego presentada en mesa sectorial pola consellaría de Educación  “os vellos tics de soberbia e prepotencia propios deste goberno”. Suso Bermello, secretario nacional, afirma que “non negociou coas organizacións sindicais cales deben ser os criterios para decidir que especialidades docentes deben ser obxecto da OPE” e que “tampouco puxo en común os datos que empregou para determinar o número de prazas por especialidade. Fronte a isto a central sindical presentou propostas do ámbito competencial da Consellaría que suporían unha mellora substancial do desenvolvemento do proceso selectivo diante dos que “a Xunta demostrou de novo ser remisa” a aceptar calquera mellora.

Desde a CIG-Ensino recriminóuselle á administración que non se coñeza ningún plan estratéxico a varios anos vista, en función da idade do profesorado das diferentes especialidades e das posíbeis xubilacións nin necesidades do sistema educativo. Segundo explica Bermello, os seus responsábeis afirmaron que se tivo en conta o número de persoal interino á hora de establecer o número de prazas da OPE de 2019 “mais comprobamos que, con cifras moi similares deste colectivo, hai especialidades que se ofertan e outras que non”. Por iso conclúe que se “mantén pechado a cal e canto o búnker no que os actuais responsábeis políticos converteron esta Consellaría, refractaria á negociación colectiva”.

O procedemento, sinalan, é o mesmo ao de anos anteriores: primeiro lánzanse sen previa negociación nin contraste sindical as especialidades nas que se ofertarán prazas e despois déixase para a Mesa Sectorial o xogo dos números.

Catro prazas para portugués

A única novidade ao respecto do previamente filtrado está na oferta de 4 prazas de Portugués para Secundaria, en cumprimento dunha resolución aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza e que a CIG-Ensino trasladara en numerosas ocasións, sendo a máis recente a entrevista coa nova conselleira. Esta convocatoria de prazas libres, aínda sendo escasa, abre as portas a que tamén haxa oposicións para o cambio de especialidade e que funcionariado de carreira que está a impartir agora mesmo portugués ou ten intención de facelo poida adquirir esta nova especialidade.

Inflando de novo as cifras

A CIG-Ensino lembra que nas oposicións do 2018 a Consellaría xogou, con algunha notoria complicidade, a falar de “convocatoria histórica” ao ofertar 2.050 prazas. Naquel momento a federación desmontou a falacia dese carácter “histórico” con datos contundentes sobre o que a oferta de cambio de corpo de A2 a A1 supuxera en anteriores convocatoria, demostrando que non existía nin tan sequera demanda por parte do profesorado. “Na presente oferta a administración volve incidir de novo no mesmo xogo para poder vender que a oferta é superior á de 2018”, di Bermello.

A CIG-Ensino sempre defendeu que se debe potenciar a carreira profesional mediante a promoción interna “mais non estamos dispostos a que se tome ao profesorado, aos futuros aspirantes aos corpos docentes e á opinión pública en xeral como parvos. A oferta real deste ano, como a do ano pasado, debe analizarse tendo en conta as cifras de acceso libre. Non  falamos, por tanto, de 2.064 prazas reais senón de 1.788 prazas de acceso libre”, apunta o secretario nacional.

Acceso diferenciado, rexeitado

A CIG-Ensino ten claro que este non é modelo de acceso á función pública docente polo que opta e así o deixou claro no recente debate no Consello Escolar do Estado sobre a reforma da LOE, no que presentou unha emenda para modificar a Lei Orgánica e introducir con carácter excepcional o acceso diferenciado e que foi claramente rexeitada ao tempo que o Goberno central xa anunciou que non ten pensado introducir a curto prazo ningunha modificación no sistema de acceso. “Somos conscientes, así mesmo, de cal é a escasa marxe de manobra coa que conta a Mesa Sectorial e a propia Consellaría nun proceso dirixido desde Madrid. Por iso, máis alá desa posición estratéxica que a CIG-Ensino defende dun sistema de dobre vía de ingreso, presentamos propostas asumíbeis e que poden mellorar substancialmente o desenvolvemento dos procesos selectivos no noso país”.

Contra a precariedade e a limitación nos cadros de persoal

A oferta de prazas presentada pola Consellaría parte do límite imposto polo acordo sindical estatal, polo que se poden ofertar prazas nas oposicións sempre que non se superen os cadros de persoal existentes no ano 2017, “aceptando submisamente os efectos dos recortes desde o ano 2010”, denuncia. Tal é así que os orzamentos do 2019 recollen un recorte de profesorado, cun total de 29.987 docentes fronte a 30.098 dos dous últimos anos. Por iso conclúe que “esta OPE non vai servir para aumentar profesorado”, que é unha das principais demandas do propio persoal docente e da CIG-Ensino.

Lembra que o resultado das últimas oposicións foi claro e que a inestabilidade laboral segue a ser un problema básico. A porcentaxe de persoal interino, partindo dos propios datos oficiais, tería pasado do 12,72% do 2017 ao 11,09% actual. Na Mesa a Consellaría argumentou que se sitúan no 9,38% porque exclúen do cómputo de prazas estruturais determinados postos de traballo. “Estas cifras están aínda lonxe das que tiñamos antes da chegada do PP á Xunta, que non superaban o 5%. Mais camiñar na senda da redución da interinidade sen ter en conta o factor humano só pode conducir a que haxa profesorado interino que perda o seu posto de traballo”.

Un estudo realizado pola CIG-Ensino a partir dos datos públicos de todos os tribunais de 2018 tira unhas conclusións rotundas:

  • O 36% das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaran para a Consellaría de Educación.
  • Dous terzos das persoas aprobadas teñen un máximo de 2 anos como persoal interino.
  • A porcentaxe de docentes interinos con máis de 5 anos de experiencia que aprobaron as oposicións é do 18%.
  • No caso daquelas persoas cunha longa experiencia profesional (superior a 10 anos) a porcentaxe de aprobados limítase ao 5% (79 persoas en total en todos os corpos). 

 

Para a central sindical é obvio que a inexistencia dun acordo de estabilidade para o persoal interino en risco de perder o seu posto de traballo, xunto coa necesaria oferta de oposicións polas elevadas cifras de xubilacións e un sistema que obvia a fase de concurso e provoca a competencia entre as persoas con méritos na docencia con aquelas outras que non teñen experiencia previa é un escenario que pode provocar nos próximos anos que se incrementen os despidos do persoal interino.

Lembra que no comezo deste curso escolar xa denunciou que ao redor de 400 persoas que tiveron o ano pasado contrato durante todo o curso escolar pasaron a facer substitucións. Por iso cre que “está na man da Consellaría atallar este problema. Primeiro partindo da realidade do persoal interino actual á hora de facer a proposta de prazas e segundo, abrindo unha negociación de estabilidade que dea saída a persoas de longa experiencia laboral ou avanzada idade”.

“Queremos un verdadeiro concurso oposición”

A demanda de mellorar a realización das probas está de novo fundamentada no rigor e na realidade. Mestres que no corpo de mestres pode dicirse que si existiu no 2018 un mínimo respecto polo carácter de concurso oposición fixado na normativa, a situación nos corpos de secundaria é totalmente diferente. Fronte ás especialidades de Inglés e Organización e Xestión Comercial, nas que si houbo proceso de concurso oposición, salientan moitas nas que só superou a fase de oposición o mesmo número de persoas ou mesmo menos que prazas había convocadas.

A CIG-Ensino entende que é preciso garantir un verdadeiro concurso oposición e que, para iso, hai que garantir por parte da Consellaría melloras nas condicións de traballo dos tribunais. “Hai que reducir o número de aspirantes por tribunal e hai que eximilos do traballo da baremación da fase de concurso, traballo que debe asignárselle a unha comisión técnica. O tribunal debe contar con máis tempo do que ten actualmente e debe centrarse na fase de oposición. Hai que evitar que se vexa condicionado a limitar o número de persoas aprobadas na 1ª proba para poder cumprir os prazos fixados pola Consellaría. Insistimos tamén na volta ao anonimato desa 1ª proba, con etiquetaxe como identificación e sen lectura das partes da proba”.

Demanda de oferta de cambio de corpo nas especialidades de Galego e Francés nas EOI

Da mesma maneira que se ofertaron o ano pasado prazas de acceso de A1 a A1 na especialidade de Inglés e este ano se convocan de ingreso, A CIG-Ensino tamén demanda que se faga o propio este ano nas outras dúas especialidades que actualmente tamén imparten docentes do corpo de PES (Galego e Francés). No caso de Galego hai actualmente 10 docentes do corpo de PES impartindo docencia nas EOI e no caso do Francés a cifra elévase a 24. “A nula vontade negociadora da Consellaría quedou claramente ao descuberto cando non foi nin sequera capaz de ter un mínimo de cintura con esta proposta e valorala antes de tomar unha decisión. É obvio que a decisión xa a tiñan tomada: nada de negociar”.

 

Volver