A CIG-Ensino denuncia que o 19% das prazas ofertadas nas oposicións docentes fican sen adxudicar

A cifra é tres puntos superior á convocatoria de 2018 e afecta máis ás especialidades de Secundaria
Nacional - 29 Xul 2019

Unha vez que se coñecen os resultados de todos os tribunais das diferentes especialidades nas que se convocaron oposicións a corpos docentes, confírmase a reiterada denuncia efectuada pola CIG-Ensino do inflado de prazas efectuado pola Consellaría de Educación: das 2064 prazas “vendidas” como nova cifra “histórica” polo departemento autonómico, só se cobren 1671, unha cifra inferior á da convocatoria de 2018, na que se adxudicaron 1723 prazas dun total de 2050 ofertadas.

Segundo a central, a maior parte das prazas que fican desertas proveñen da convocatoria de promoción interna ou acceso. A CIG-Ensino xa denunciara na Mesa Sectorial na que a Xunta impuxo unilateralmente a oferta de emprego que se estaban a incrementar estas prazas máis alá do mínimo fixado pola normativa legal “para poder vender” que se superaba novamente a cifra de 2000 prazas na OPE. Así, dun total de 276 prazas ofertadas (14 máis que no 2018) só se cubriron 17 (por 21 do ano anterior).

ESPECIALIDADES CON PRAZAS DESERTAS

PRAZAS OFERTADAS

PRAZAS ADXUDICADAS

PRAZAS DESERTAS

004 Lingua castelá e literatura

55

54

1

005 Xeografía e historia

55

51

4

006 Matemáticas

120

97

23

061 Economía

65

63

2

101 Administración de Empresas

50

44

6

105 Formación e Orientación Laboral

60

40

20

107 Informática

30

16

14

111 Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos

20

13

7

112 Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica

15

13

2

116 Procesos na Industria Alimentaria

15

13

2

124 Sistemas Electrónicos

15

14

1

209 Mantemento de Vehículos

30

21

9

211 Mecanizado e Mantemento de Máquinas

18

15

3

033 Francés (Primaria)

70

32

38

Nas probas de ingreso destacan novamente especialidades dos corpos de profesorado de ensino secundario (PES) e de formación profesional (PTFP), xa que dun total de 1018 prazas entre ambos corpos só aprobaron 922 aspirantes, ficando sen cubrir 96 prazas, perto dun 10% do total. No caso do corpo de mestres a única especialidade na que non se cubriron todas as prazas volve ser de novo Francés, na que son máis as prazas desertas que as cubertas (38 e 32 respectivamente).

Entre as especialidades nas que non se cubriron todas as prazas destacan, ademais da especialidade de Francés no corpo de mestres, a de Informática, co perto da metade de prazas sen adxudicar, FOL, Organización e Procesos de Mantemento de de Vehículos (PES) ou Mantemento de Vehículos (PTFP) todas eles con ao redor dun terzo de prazas vacantes. Matemáticas volve de novo a deixar prazas desertas, nesta ocasión cun 19% de prazas sen adxudicar.

As oposicións non melloran

Con independencia da actuación dalgúns tribunais, que desde a CIG-Ensino consideran fóra de lugar, o sindicato centra de novo as súas críticas na Consellaría de Educación, que ten na súa man a posibilidade de mudar a dinámica que se asentou nestes últimos anos nas oposicións docentes, ao desaparecer na maioría das especialidades dos corpos de Secundaria a posibilidade de cumprir o modelo legal asentado para acceder aos corpos docentes, que non é outro que o concurso-oposición.

O feito de que a Consellaría faga ouvidos xordos ás propostas que desde a CIG-Ensino lle trasladan para diminuír a carga de traballo dos tribunais e para garantir, na medida do posíbel, o anonimato das persoas aspirantes, está de novo a provocar unha criba absolutamente desproporcionada na primeira 1ª fase da oposición.

Así, pouco máis do 16% das aspirantes en Secundaria superou a primeira proba, por un 21% no corpo de mestres. O elevado número de aspirantes por tribunal e o feito de que estes teñan asignados cometidos que podería facer a Consellaría, como é a baremación da fase de méritos, xunto co escaso tempo do que se dispón para rematar todo o proceso, implica que en moitos casos esa criba se dispare ás cifras que vemos nesta convocatoria.

Mais se o filtro desproporcionado é un resultado inxusto, no que o criterio non parece ser a selección das persoas que cumpren os criterios de avaliación para superar a primeira parte da oposición senón seleccionar un número delas que faga máis asumíbel para os tribunais poderen rematar correctamente os seus traballos, o que xa non admite ningún tipo de escusa é a decisión maioritaria nos tribunais de Secundaria de impedir que superen a segunda fase máis aspirantes que prazas se ofertan

 

Resultados dos procesos selectivos para corpos docentes 2019

oposicións docentes 2019

corpo de mestres

secundaria (todos os corpos)

a2-a1

total ingreso e acceso

total ingreso

PRAZAS OFERTADAS

770

1.018

276

2.064

1.788

PRAZAS CUBERTAS

732

922

17

1.671

1.654

DIFERENZA

38

96

259

393

134

Porcentaxe de prazas sen cubrir

4,9%

9,4%

93,8%

19,0%

7,5%

Así, a diferenza é total ao respecto dos tribunais do corpo de mestres. Mentres que nas especialidades do corpo de mestres superan a fase de oposición 1,4 aspirantes por praza, accedendo ao concurso 1100 para 770 prazas, no caso das especialidades de Secundaria o acceso á fase de concurso é unha falacia: nin sequera chegan a fase de concurso unha persoa por praza, quedando en 960 aspirantes para 1018 prazas.

É obvio que esta diferenza amosa unha consideración ben diferente por parte dos diferentes tribunais que, desde o punto de vista da CIG-Ensino, non ten xustificación”. Desde o sindicato apelan novamente aos tribunais para que se cumpra coa intención clara do acceso á función docente mediante o concurso oposición “e trasladaremos de novo á Administración educativa propostas que, malia o restritivo marco legal estatal no que nos movemos, poidan introducir cambios e melloras substanciais no desenvolvemento das probas selectivas e nas garantías das persoas aspirantes”.