A CIG-Ensino distribúe a segunda entrega da campaña 'Eu ensino en galego'

Nacional - 25 Mar 2026

En outubro do presente curso académico desde a CIG-Ensino botábase a andar a campaña “Eu ensino en galego” coa que se perseguía a reversión nas aulas dos efectos causados polo Decreto de Plurilingüísmo e a sensibilización do profesorado para implicarse na reversión da situación de “emerxencia lingüística” que vive a lingua galega.

» GUÍA PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA 

“Eu ensino en galego”  denunciaba, por un lado, os efectos adversos do decreto de 2010 que deu pé a que a nosa lingua deixase de ser a lingua máis falada por primeira vez na súa historia e alertaba sobre a perda de uso e competencia entre a poboación máis nova. Por outro lado,  a campaña trataba de sensibilizar o profesorado  mediante a difusión de material como chapas, colantes, carteis e infografías que plasman datos que é preciso coñecer para tomar consciencia da situación de crise que atravesa a nosa lingua  e, en consecuencia, actuar para, na medida das súas posibilidades, colaborar no freo desta situación.

Xunto con este material entregábase tamén daquela unha Guía para a posta ao día do Plan Lingüístico de centro, elaborada pola docente Sofía Rama. A este material didáctico súmase agora unha nova entrega da que é autora a tamén docente Valentina Formoso Gosende: “Guía para a normalización lingüística desde os Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega”.

Na liña en que se presentaba a campaña, partindo dunha visión en positivo e conscientes de que é posíbel reverter a situación de “emerxencia lingüística” na que nos atopamos, previa reflexión e coñecemento da mesma, preséntase agora unha nova guía que pretende facilitar o traballo do profesorado que coordina ou  participa nos ENDLG.

Falta de recursos nos centros

A CIG-Ensino considera  que este material pode servir de axuda á hora de enfrontarse ao día a día dos equipos que traballan, na maior parte dos casos, entre a precariedade, por falta de recursos humanos e materiais tal como denunciou recentemente a central sindical, e o voluntarismo.

 É así que na presente guía pódense atopar unha serie de reflexións e de recomendacións para o traballo nos equipos. Ademais, achéganse  unha batería de propostas de actividades seleccionadas pola autora baixo o seu criterio avalado por unha ampla formación en sociolingüística e experiencia de traballo nos ENDLG.

A CIG-Ensino reitera que é fundamental a concienciación do profesorado a respecto da situación sociolingüística tan grave que vivimos para que, na medida das súas posibilidades, poida paliar o desleixo que mostra sobre este tema o goberno galego, verdadeiro responsábel de exercer unha política lingüística acorde coa mencionada situación.

Mostra deste desleixo, entre moitas outras, é o feito de que a administración educativa non ofreza máis que de maneira anecdótica formación permanente para o profesorado sobre sociolingüística, entre a amplísima oferta da que dispón, como se sobre este tema xa estivera todo sabido e non houbera ningún problema coa deriva da nosa lingua.

Derrogación do Decreto de Plurilingüísmo

Esta  política lingüística debera comezar pola derrogación do Decreto de Plurilingüísmo e continuar, entre outros aspectos que xa se puxeron de manifesto no protocolo Lingua Vital no que participou a CIG, por dotar de formación, asignación horaria suficiente e recursos económicos dignos para que verdadeiramente se poida traballar nos centros de ensino desde os ENDL.

A CIG-Ensino agarda que esta “Guía para a normalización lingüística desde os Equipos de Normalización de Dinamización da Lingua Galega (ENDLG)” poida servir de axuda nesta tarefa que considera tan ilusionante como necesaria.