A CIG-Ensino esixe medidas de prevención nos centros privados de menores e de atención a persoas con discapacidade

A central dirixiuse a Política Social e ás empresas e entidades para que doten de medios, información e protocolos o persoal
Nacional - 26 Mar 2020

A CIG-Ensino esixe ás empresas que de inmediato adopten todas as medidas de prevención de riscos laborais necesarias para protexer as traballadoras e traballadores e as persoas usuarias dos centros de atención a persoas con discapacidade e dos centros de menores privados ou de xestión privada. Logo de facer seguimento polos distintos centros deste tipo que hai en Galiza, a central constatou a ausencia de medios, informacións ou protocolos básicos para afrontar a situación e evolución do coronavirus, polo que remitiu escrito á Conselleira de Política Social e un comunicado, nos mesmos termos, ás empresas que prestan o servizo nos centros para pór solucións urxentes.

Neste senso, dende CIG-Ensino advirten que hai centros nos que non se dispoñen do material básico preventivo suficiente, non hai acceso á información e formación precisas e incluso nalgúns carécese de protocolos básicos de actuación ante a pandemia do COVID-19. Isto provoca que o persoal se sinta desamparado, indefenso e nunha situación de preocupante falta de organización e de medidas de seguridade totalmente inxustificábel.

Por iso, desde a CIG enténdese necesario, tanto para manter o servizo como para mellorar a prevención de saúde de todos/as e as condicións de traballo," tomar as medidas axeitadas no eido laboral e de prevención de riscos, tanto cualitativamente como cuantitativamente, para que este tipo de asociacións poidan afrontar esta pandemia do mellor xeito posíbel".

A este respecto, a CIG-Ensino subliña que o “Protocolo da Consellería de Política Social para os centros de servizos sociais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (covid-19)” resulta insuficiente.

Faltan protocolos, información e medios

Á CIG-Ensino, que é o sindicato con maior representatividade nestes sectores, preocúpanlle a situación global que se está a dar nestes centros tanto no relativo á falta ou insuficiencia de protección e seguridade (medidas preventivas e materiais de protección), dos protocolos de actuación, de información e formación do persoal; como no  relativo á de inestabilidade xerada pola aplicación de ERTEs, despedimentos,  condicións de traballo precarizadas, etc.

De igual maneira, dende a central chámase a atención sobre as medidas erradas adoptadas até agora como o confinamento de menores e mozos/as en réxime de semiaberto nos centros no canto das súas casas, manter un exceso de usuarios/as en espazos reducidos, dispor plans xerais de actuación no canto de específicos, etc. "Un conxunto de decisións que se están dando no sector e que se poden incrementar nun futuro, traducíndose en traxedias sociais, que ningunha das partes queremos e que por responsabilidade debemos atallar", afirman.

Propostas da CIG

Por iso, a CIG-Ensino esixe tratar as problemáticas actuais do sector e trasladan as seguintes propostas para darlle solución:

  • Inspeccións urxentes e vixilancias periódicas de todos e cada un dos centros de atención á discapacidade e a menores aos que nos referimos.
  • Aplicación de protocolos específicos na protección e prevención nestes sectores, coa correspondente información e formación de todo o persoal.
  • Dotación suficiente e precisa dos EPIS (lentes, luvas, máscaras, roupa illante,…) que remate coa escaseza e a deficiencia destes, así como un plan de acción para o persoal dos centros na prevención de riscos laborais e sociais.