A CIG-Ensino esixe a recuperación do horario lectivo docente previo aos recortes de Feijoo

Esíxelle á Consellaría unha negociación para devolverlle este dereito ao profesorado

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse na mañá do mércores diante da Consellaría en San Caetano para denunciar que nos 8 meses de mandato da nova conselleira non se producira ningún avance a respecto da recuperación do horario lectivo docente que existía antes dos recortes impostos pola Xunta de Feijoo nos anos 2011 e 2012. A Federación do Ensino anuncia mobilizacións contundentes no primeiro trimestre do próximo curso para recuperar un dereito que noutras comunidades xa está sendo restaurado.

Tal e como lembrou o secretario nacional, Suso Bermello, a volta ás 18 horas en Secundaria e ás 21 en Primaria é unha das principais reclamacións do profesorado do ensino público non universitario galego, “como o demostra o amplo respaldo con 12.000 sinaturas á campaña de recuperación dos dereitos recortados na crise e o resultado das últimas eleccións sindicais nas que a CIG-Ensino revalidou a súa posición como forza maioritaria levando no seu programa electoral precisamente este punto como unha das principais batallas”.

“Mais todos sabemos que quen dita a política educativa en Galiza é o propio Feijóo e é a el ao que lle corresponde restituírnos un dereito que nos foi roubado nos anos 2011 e 2012, adiantándose aos recortes do goberno Rajoy. Acabouse o tempo das escusas, tanto as dadas no Parlamento galego nunha recente votación polo grupo popular como polo anterior conselleiro, de que esta restitución depende da asignación de financiamento por parte do goberno estatal”, explicou.

Neste sentido, cualificou de “insulto ao profesorado” esta argumentación, dado que cando foron os recortes nos anos 2011 e 2012 a Xunta non lle devolveu os fondos que aforrou con este aumento do horario lectivo ao goberno central.

Mobilizacións contundentes o próximo curso

Ademais da concentración celebrada esta mañá, a CIG-Ensino vén de remitirlle á conselleira de Educación un escrito no que lle solicita formalmente a convocatoria dunha Mesa Sectorial para a negociación deste asunto, ademais da redución das rateos. No documento fai referencia a que noutras comunidades xa se ten negociado a restitución deste dereito polo que a incomprensión do profesorado vai en aumento.

No sindicato alertan de que se non se inicia esta negociación o vindeiro curso académico levará a cabo mobilizacións contundentes, sen renunciar incluso á convocatoria de folga, para recuperar o horario lectivo previo aos recortes.

Volver