A CIG-Ensino esixe que non se lle outorgue o título de 'Vigués distinguido' a centros que segregan por xénero

A central rexeita que o Concello premie os colexios Montecastelo e As Acacias, do Opus Dei
Vigo - 24 Mar 2017

A CIG-Ensino vén de amosar o seu máis rotundo rexeitamento á decisión do Concello de Vigo de outorgarlle o título de 'Vigués distinguido' aos centros de ensino privados concertados Montecastelo e As Acacias, pertencentes ao Opus Dei e que segregan alumnado por razón de xénero.

Dende a central sosteñen que este tipo de centros, que con diñeiro público segregan o alumnado por razón de xénero, “impiden a convivencia, a escolarización de persoas de distinto sexo, do alumnado LGTBI e desterran a coeducación”.

Neste senso, lembran que se trata de centros elitistas que seleccionan as familias por ideoloxía e patrimonio, desbotando o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

“Son centros concertados, pagados totalmente con diñeiro público, cuxos concertos foron obxecto de recurso pola CIG-Ensino e declarados ilegais polo Tribunal Supremo por segregar o alumnado por razón de xénero, o que non foi impedimento para que o PP os legalizase mediante a LOMCE”, indican.

Así, entenden que con este recoñecemento o Concello de Vigo non só reforza un modelo educativo confesional e reaccionario que contribúe á desigualdade e a perpetuar a sociedade patriarcal, “senón que tamén está avalando a LOMCE, lei que está sendo combatida en Vigo e en toda Galiza con folgas e manifestacións secundadas maioritariamente pola comunidade escolar”.

Modelos educativos excluíntes

Consideran tamén que con esta distinción estanse afianzando modelos educativos relixiosos e excluíntes que desprezan a diversidade e impiden un ensino laico, coeducativo, científico e inclusivo. “Unha institución pública como é o Concello de Vigo está favorecendo prácticas educativas e sociais desprezábeis e optando por apoiar centros ultracatólicos e de extrema dereita, pertencentes ao Opus Dei, tal como constatan as súas páxinas web”.

Deste xeito, cren que é totalmente inaceptábel que, mentres se distingue este tipo de centros que non representan a maioría social da poboación viguesa, non se distinga o labor de ningún centro público da cidade.

Por todo o exposto, a CIG-Ensino esíxelle á corporación viguesa -con maioría absoluta do PSOE- que non lle outorgue o título de 'Vigués distinguido' aos devanditos centros Montecastelo e As Acacias, pertencentes ao Opus Dei e que segregan o alumnado por razón de xénero.