A CIG-Ensino exixe a destitución do xefe territorial e inspector xefe da Consellaría de Educación da provincia da Coruña

Denuncia que nin se coñecen, nin se negociaron as vacantes a ofertar, malia rematar o 5 de febreiro o prazo
Compostela - 29 Xan 2016
A CIG-Ensino vén de exixir do conselleiro de Educación o cese inmediato do Xefe Territorial e Inspector Xefe da Xefatura Provisional da Coruña. Denuncia que a esta altura non se coñece aínda a previsión da oferta de vacantes nin se iniciou a súa negociación. Sinala que se trata dunha actuación que se repite todos os anos e que non se emenda e entende que responde á “ineficacia, autoritarismo exacerbado e desprezo absoluto ao profesorado e aos seus representantes”, por parte desa xefatura.

A Consellaría de Educación convocou Concurso Xeral de Traslados (CXT) para o profesorado do ensino público non universitario, estabelecendo un prazo que remata o día 5 de febreiro. A participación neste concurso pode ser importante, xa que tal vez se aproxime aos/ás 10.000 docentes, debido a que o curso pasado a Consellaría non o convocou.

A CIG-Ensino denuncia que, convocatoria tras convocatoria, a xefatura provincial da Coruña rexeitou negociar, como é preceptivo, as vacantes que posteriormente se ofertan no CXT, limitándose a entregalas uns días antes, coa xustificación de que, ao convocarse o concurso no primeiro trimestre, non había tempo suficiente para conseguir os datos necesarios.

Asegura que a falta de consistencia desta argumentación evidenciase agora en que, malia que a convocatoria do Concurso Xeral de Traslados se retrasou ao mes de xaneiro este ano, a Xefatura Territorial da Coruña non está en disposición de iniciar a negociación e nin sequera de facilitar, provisionalmente, as vacantes que inicialmente ten pensado ofertar. Isto supón un prexuízo enorme para o profesorado que concursa, pois terá que facelo sen coñecer as vacantes que van ofertar en toda a provincia da Coruña.