A CIG-Ensino exixe a Feijóo que elimine as limitacións ao galego na educación tal como di o Consello de Europa

Queremos Galego convoca mobilizacións o vindeiro xoves, día 19 de decembro, ás 20:00 horas
Nacional - 13 Dec 2019

O Consello de Europa vén de darlle un novo “tirón de orellas” á Xunta alertando da perda alarmante de falantes e de competencias na nosa lingua, que atribúe en boa medida á falta de protección lingüística na administración e ao Decreto do Plurilingüismo. Con este motivo Queremos Galego convoca concentracións en todas as cidades o vindeiro xoves, día 20 de decembro ás 20:00 horas baixo o lema “Emerxencia lingüística. Precisamos do galego”.

No documento saliéntase o retroceso sufrido polo galego en determinados ámbitos coa consecuencia alarmante dunha perda moi significativa de falantes e coa taxa máis alta da historia de menores de 15 anos sen competencia no noso idioma.

Entre os detonantes desta situación o Consello de Europa sitúa a falta de protección do galego nas administracións, nomeadamente nos ámbitos da xustiza, a sanidade e o ensino. Neste último caso, sinálase ademais o Decreto do Plurilingüismo como causa do retroceso no mundo educativo, ao prohibir a impartición das materias científicas no noso idioma e ao proscribir practicamente o galego como lingua vehicular nas etapas de infantil e de FP. 

O informe do Consello de Europa vén a darlle a razón, no substancial, á reclamación insistente da CIG-Ensino de que se derrogue esta normativa, a máis lesiva contra o galego nos últimos 40 anos. De feito, esta institución, encargada de avaliar o cumprimento da Carta europea das linguas ratificada polo Estado español en 2001 indica que a presenza da nosa lingua nas aulas é mínima, “o que non garante nin a súa transmisión nin colabora á súa normalización e prestixiación social”, tarefas ambas que terían que ser prioritarias para a administración galega. Entre as recomendacións que se fan está “eliminar as limitacións para ensinar en galego en todos os niveis educativos”,  o mesmo que esixe a CIG-Ensino.

Mobilizacións de Queremos Galego 

O sindicato anima a toda a comunidade educativa a participar a semana que vén nas mobilizacións convocadas por Queremos Galego, a plataforma que agrupa a 600 entidades a prol da normalización da nosa lingua, e que se celebrarán simultaneamente nas sete cidades galegas, en Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo; na Praza da Princesa. A convocatoria está prevista para o xoves, 19 de decembro ás 20 horas.