A CIG-Ensino exixe a negociación dos criterios para fixar as prazas de todos os procesos pendentes

O sindicato considera que a Consellaría non se pode limitar a anunciar as prazas de reposición
Nacional - 11 Xan 2022

Na mañá deste martes, a Consellaría de Educación mantivo unha reunión cunha representación da CIG-Ensino, previa á comparecencia do conselleiro de Educación na que deu a coñecer a decisión da Xunta de convocar oposicións neste ano 2022 unindo as ofertas de emprego de 2021 (1.372 prazas) e 2022 (1.256). A Consellaría convocará Mesa Sectorial para tratar a OPE este venres.

Na reunión, o director e o subdirector xeral de centros e recursos humanos comunicaron a seguinte información:

- A oferta de emprego do 2022, como a de 2021, será de taxa de reposición (xubilacións, defuncións etc). Convocan polo sistema ordinario do RD 276/2007 como están facendo a práctica totalidade das comunidades autónomas (CA) pola inseguridade xurídica que consideran que ten a modificación proposta polo Ministerio e que se aprobe nos próximos meses.

- Teñen previsto convocar concurso de méritos excepcional, tal e como figura na Lei 20/2021 e no borrador da modificación do RD. A convocatoria non sería antes de comezo do curso 2022/23 e a súa resolución sería previa aos procesos selectivos que se convoquen para o verán de 2023.

- Están en desacordo coa proposta ministerial de unificar nun mesmo sistema de concurso oposición, denominado extraordinario na modificación do RD, as prazas de reposición de efectivos coas de estabilización, ao entender que sería de dubidosa legalidade.

- Afirmaron estar moi preocupados polo futuro do actual sistema de listaxes do persoal interino, ao interpretar que a nova Lei podería limitar o tempo máximo de traballo temporal a 3 anos.

Cuestións fundamentais para a CIG-Ensino

A CIG-Ensino considera que o conselleiro de Educación debería agardar á reunión da Mesa Sectorial para coñecer a opinión da CIG-Ensino e os demais sindicatos antes de lanzarse a tomar ningunha iniciativa. “Lamentamos que se fixen previamente unha regras de xogo inamovíbeis e agardaremos a coñecer a proposta concreta por especialidades antes de entrar no detalle”.

En todo caso, avanzan algunhas cuestións que para o sindicato maioritario son fundamentais e que centrarán a posición da CIG-Ensino en todo o desenvolvemento dos diferentes procesos selectivos (prazas de oposición ordinaria e/ou extraordinaria e concurso de méritos):

- A CIG-Ensino xa adiantou na Mesa Docente estatal a súa total desconformidade coa decisión do Ministerio de agrupar nun mesmo sistema os dous sistemas de concurso oposición (ordinario e extraordinario) ao entender que a redacción estrita da Lei 20/2021 identifica con claridade o requisito das prazas se poden convocar cales son as prazas: estar ocupadas temporalmente desde antes de xaneiro de 2018.

A diferenza doutros períodos transitorios, como o de 2007 ou 2017, agora existe unha norma con rango de Lei moi ríxida na identificación das prazas. Neste sentido, a CIG-Ensino considera que o profesorado interino e o conxunto das persoas aspirantes ao ensino público en Galiza pagan os efectos dun acordo sindical co goberno español que está pensado para outros ámbitos diferentes ao docente e para realidades diferentes ao ensino público galego.

- A CIG-Ensino considera que as ofertas de emprego de 2021 e 2022 non poden ser usadas para desvirtuar por completo a intención de dar resposta, por moi insuficiente que sexa, ao abuso de temporalidade mediante o concurso de méritos.

Así, o sindicato exixiu o compromiso da Consellaría de que a negociación dos criterios para fixar as prazas que deben saír a concurso excepcional se acometa canto antes e que a decisión final (número total de prazas e reparto por especialidades) se coñeza con anterioridade ao remate das oposicións deste verán, evitando deste xeito que se poidan ver reducidas dun xeito moi importante estas prazas.

A Consellaría comprometeuse a que esa negociación se faga en tempo e forma de tal maneira que as oposicións agora convocadas non teñan efecto sobre o total das prazas a concurso.

- A CIG-Ensino entende que se se abre unha negociación real sobre as prazas que deben saír a concurso de méritos excepcional e se fai unha oferta ampla, dando resposta ao abuso de temporalidade na docencia, estariamos no camiño do sistema de dobre vía que sempre defendeu o sindicato para a excepcionalidade das taxas elevadas de interinidade.

Malia non estar de acordo co sistema de concurso, tras a publicación da Lei, a federación do Ensino buscará por todos os medios que os procesos selectivos dean resposta ás dúas realidades que o sindicato identificou con claridade desde hai anos: un sistema centrado en dar resposta ao abuso de temporalidade (prazas de estabilización) e outro para as prazas de reposición.

- A CIG-Ensino foi a única organizacións sindical que lle propuxo ao Ministerio a modificación do actual sistema ordinario (polo que se van convocar as oposicións deste ano) ao entender que está desfasado. Se se nos tivese feito caso en Madrid, estariamos agora falando dunha convocatoria diferente e mellor acomodada á realidade do sistema educativo actual.

- A CIG-Ensino considera que a indecencia do acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF co goberno español para reformar o EBEP (tal e como se recolle na Lei 20/2021) limitando a tres anos a duración dos contratos do persoal interino, ao tempo que mesmo se arrogan vergoñentamente a capacidade de veto a posíbeis acordos que poidan evitar esa limitación, pon en risco o actual acordo de persoal interino.

De feito, no borrador da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) presentada polo Ministerio de Universidades (Podemos) xa figura expresamente que o profesorado universitario substituto non poderá permanecer máis de tres anos no posto, aínda que non se incorpore o titular, facendo unha aplicación literal do acordo sindical recollido na Lei.

A CIG-Ensino manterá a súa posición de defensa do actual sistema de listas mais exixe da Consellaría que dea un paso adiante e negocie a inclusión dunha cláusula de estabilidade para garantir os postos de traballo do persoal interino que, partindo de criterios como unha longa interinidade ou unha idade avanzada, poida ver en risco o seu futuro tras os procesos extraordinarios, que somos conscientes de que non van dar resposta ás persoas cunha longa temporalidade, senón ás prazas que ocupan.