A CIG-Ensino exixe que se manteñan todas as unidades no CEIP Xunqueira 2 de Pontevedra

A supresión prevista en Infantil afectaría a calidade do ensino que recibe o alumnado do centro
Pontevedra - 05 Xul 2022

A CIG-Ensino exixe da Consellería de Educación que dea marcha atrás no seu anuncio de supresión dunha unidade de Educación Infantil no CEIP A Xunqueira 2 de Pontevedra, xa que esta supresión significaría unha merma importante da calidade do ensino que recibe o alumnado dese centro.

Segundo explican dende a central sindical, o alumnado que se vería afectado cursou este ano en dúas aulas distintas, pero o vindeiro curso tería que xuntarse nunha aula de 25 alumnos/as, “algo que como é perfectamente comprensíbel repercutiría moi negativamente no proceso de ensino-aprendizaxe nunha etapa educativa básica para o desenvolvemento persoal como é a Educación Infantil”. Ademais, na mesma aula habería alumnado con necesidades educativas especiais que non podería contar coa atención individualizada que precisa. 

Estamos diante doutra actuación da Consellaría coa que pretenden fomentar o ensino privado

“Estamos diante de unha nova actuación da Consellería de Educación que en lugar de fomentar a calidade do ensino público o que fai é torpedealo baixo escusas legalistas que non se sosteñen e que agachan a verdadeira intención, que non é outra que a aposta da Xunta polo fomento do ensino privado”, sosteñen.

Por iso reiteran publicamente o apoio da CIG-Ensino á comunidade educativa do CEIP A Xunqueira 2 “diante de unha reivindicación xusta e moi sentida, tal e como se pode comprobar pola solidariedade que están a recibir e pola recollida de máis de 1000 sinaturas de apoio recollidas en poucos días”.

Finalmente, censuran tamén un xeito de actuar da Inspección Educativa que se está intensificando neste curso escolar: a comunicación de supresións aos centros mediante correo electrónico, “atendendo exclusivamente a criterios matemáticos e sen visitar os propios centros para contrastar coas direccións e coas comunidades educativas cales son as condición concretas dos mesmos”.