A CIG-Ensino non acode ao Consello Galego de FP tras a negativa da Consellaría a negociar a oferta educativa

40 peticións de novos ciclos foron desestimadas sen indicar os criterios
Nacional - 11 Xun 2019

A CIG-Ensino non acudiu á reunión do Consello Galego de Formación Profesional en desacordo co proceder da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que se negou a adiar esta reunión para poder cotexar cos centros educativos as necesidades formativas de cara ao vindeiro curso. Tal e como vén sendo habitual, a Consellaría non informou ás direccións durante o proceso de elaboración da oferta dos criterios que se seguen para a implantación de novos ciclos formativos nin tampouco negociou coas organizacións sindicais, polo que pretendía que, un ano máis, a reunión do Consello Galego de FP servira só para dar a coñecer a súa proposta.

Inicialmente as tres organizacións sindicais presentes neste órgano solicitaron que se adiara esta reunión para testar cos centros as solicitudes de concesión de novos ciclos medios e superiores, ademais de advertir da imposibilidade de asistir á reunión por parte de UGT. Tras a negativa da Consellaría a conceder esta prórroga, a CIG-Ensino considera que abonda de desprezos á comunidade educativa e por iso decidiu non asistir ao Consello Galego de FP. "Lamentamos que CCOO rompera esta posición de rexeitamento unánime ás formas coas que habitualmente se comporta a Dirección Xeral de FP e finalmente decidira comparecer no Consello", sinalan.

A negativa a negociar como norma

A CIG-Ensino fixo xestións telefónicas coa Dirección Xeral para conseguir unha explicación sobre o procedemento que seguiu para a concesión duns ciclos e outros non, obtendo unicamente respostas "nas que se menosprezan as demandas dos centros ou argumentando, de forma visionaria, que non van ter matrícula".

"Confírmase, por tanto, a opacidade para coñecer as razóns para tomar a decisión de que ciclos se ofertan de novo para o vindeiro curso e o feito de que os centros non poidan coñecer cales foron os criterios aplicados para descartar as súas peticións", asevera a CIG-Ensino.

Desde o sindicato fíxoselle chegar por escrito as solicitudes que  trasladaron tanto desde os equipos directivos como desde os departamentos a respecto das necesidades de cara ao vindeiro curso e que implicarían un incremento importante da oferta ordinaria. Malia que a central sindical non recibiu a proposta da Consellaría até o xoves 6 de xuño, nunha primeira análise detectáronse máis de 40 peticións de ensinanzas de FP que non foron atendidas pola administración.

A FP dual como única estrela convidada

Na única modalidade na que se incrementan as prazas e os novos ciclos é a Formación Profesional Dual na liña marcada pola Consellaría de promover unha fórmula pouco ou nada axeitada ao mercado laboral galego, con empresas de reducido tamaño, e que ten o perigo de fomentar a precariedade tanto nas condicións laborais do alumnado como do conxunto da clase traballadora en xeral.

A este respecto, a CIG-Ensino enga que  "a ninguén se lle escapa ademais que, na medida en que se promoven só estas novas ensinanzas o máis probábel é que a demanda de matrícula nas modalidades presenciais, ordinaria e modular fundamentalmente, decaia e que isto signifique recortes de profesorado a medio prazo, á marxe de que se o alumnado pasa máis tempo nas empresas tamén se reduce considerabelmente o tempo no centro educativo".

Así pois, esta fórmula, coa que a CIG-Ensino xa amosou en varias ocasións o seu desacordo, vai significar un chanzo máis na privatización do ensino público que na Formación Profesional pasará a depender directamente das necesidades das empresas e non do que debería ser unha planificación académica real e adaptada ás necesidades de toda a sociedade galega.

Podes consultar no arquixo adxunto a relación de ciclos formativos solicitados por centros ou departamentos dos que tivo constancia a CIG-Ensino e que lle serán trasladados á Dirección Xeral de FP.