A CIG-Ensino propón máis persoal de atención á diversidade en todos os centros e reducir a ratio en orientación
Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse esta mañá antes da celebración da Mesa Sectorial docente convocada pola Consellaría para analizar o borrador da Orde que regula o Concurso de traslados para o vindeiro curso 25/26 e da Orde que regula o concurso de postos de orientación para centros de infantil e primaria. Uns procedementos nos que na última convocatoria obtiveron praza un total de 2.568 docentes (1405 de Secundaria, 1109 de Primaria e 24 de Orientación).
A concentración transcorreu en silencio emulando a resposta que obtiveron até o momento por parte da Consellaría de Educación á súa demanda de que se iniciase unha negociación real na que se abordasen melloras laborais e do sistema educativo público galego.
Pasadas as mobilizacións de setembro e ás portas de dúas novas xornadas de folga os días 28 e 29 de outubro o sindicato maioritario no ensino público levou á Mesa Sectorial unha proposta que pretende ir no camiño de acadar estas melloras reais cunha maior dotación de persoal para atender á diversidade en todas as ensinanzas, que viría acompañada de tres medidas diferenciadas e que se poderían materializar en paralelo á convocatoria das vacantes previstas nestes dous concursos.
1.- A ampliación do catálogo de postos de traballo dos centros de educación infantil, primaria e especial que data do ano 2007 e que contara co apoio unánime de todas as organizacións sindicais. “É obvio -como explicou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo- que as circunstancias no ensino público galego mudaron moito nestes últimos case 20 anos, polo que é preciso actualizar este catálogo e adecualo á nova realidade nestas etapas, con maior alumnado con diagnósticos que esixen unha atención temperá e individualizada, maior alumnado migrante e maior alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios”.
A proposta da CIG, engadiu, é aberta, “pedimos que se fixen uns criterios máis amplos para a dotación de persoal de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe con destino definitivo nos centros. Esta medida é fundamental para darlle estabilidade aos cadros de persoal e atender a alumnado que, lembremos, con carácter xeral pasa 9 anos nestas ensinanzas”.
Esta demanda, como indicou Laura Arroxo, vén a completar o recollido no propio Acordo sobre cadros de persoal de infantil e primaria aínda en vigor.
2.- Dotación de especialistas de atención á diversidade noutras ensinanzas e criterios unificados para a fixación dos cupos. Dado que nos próximos meses se van negociar as vacantes definitivas para o vindeiro curso, a CIG-Ensino propón tamén incrementar as prazas definitivas de PT nos institutos e crealas nos centros integrados de FP (nos que haxa FP básica polo menos), así como de AL nos institutos.
A maiores o sindicato tamén formulou que, partindo do número de prazas estruturais existentes nos centros, é preciso estabelecer uns criterios para fixar o cupo de profesorado, dado que actualmente existen diferenzas dificilmente xustificábeis entre os mesmos malia contar con características moi semellantes.
3.- Maior dotación de persoal de orientación. A CIG-Ensino tamén propuxo que tanto no concurso de traslados do vindeiro curso como no de orientación de primaria se inclúa a redución da ratio de alumnado por cada profesional de orientación até acadar a proporción de 1 por cada 250 que recomenda a UNESCO.
Neste sentido, a secretaria nacional pediulle á Consellaría que retire as 187 vacantes e resultas de orientación compartida que pretenden convocar no concurso de primaria, algunha delas entre 3 centros diferentes, para establecer uns criterios que limiten este tipo de prazas. Ademais solicitou que se dote con persoal de orientación definitivo o resto de centros, unha medida que beneficiaría sobre todo ás ensinanzas de réxime especial nas que non está contemplada esta figura.
Desde a CIG-Ensino considérase que esta proposta é viábel e nin sequera foi recollida no Acordo de Melloras. “Esta é, por tanto, unha das reivindicacións comúns de toda a comunidade educativa -comentou Arroxo- e que suporía un avance moi relevante para todo o ensino público porque todas as etapas se verían beneficiadas”. Para o sindicato a ampliación do catálogo e a fixación de criterios máis claros para marcar os cupos de profesorado servirían ademais para que “cada curso os centros non teñan que mendigar máis profesorado e se poidan organizar con antelación”.
Chamamento público ás outras organizacións a unirse á folga
A secretaria nacional da CIG-Ensino aproveitou a súa presenza diante dos medios para facer un chamamento ao resto de organizacións sindicais a apoiar esta proposta. “Non é a primeira vez que o dicimos e agora ademais facémolo propoñendo unha negociación sobre un punto fundamental como é a atención á diversidade.
Ademais facemos de novo unha chamada a sumarse ás convocatorias de folga do martes 28 e do mércores 29 para acompañar coa unidade sindical a unidade que xa se está dando nas protestas do profesorado. A CIG-Ensino nin puxo nin vai poñer ningún reparo a esta unidade partindo da base que é preciso superar o acordo de 2023”, concluíu.