A CIG-Ensino reclama a convocatoria inmediata da Mesa Sectorial e que a Xunta respecte a representación sindical

A central denuncia que a Consellaría está presentando o “acordo” como pechado ás direccións dos centros
Nacional - 06 Mai 2026

Persoas delegadas da CIG-Ensino concentráronse na mañá deste mércores diante de Educación para lembrarlle que levan desde setembro esixindo a apertura de negociacións e que é a propia Consellaría a que deliberadamente deixa fóra ao sindicato maioritario para reunirse con outras organizacións, algunha sen representación na propia Mesa.

En resposta ás declaracións de Alfonso Rueda, a secretaria nacional da CIG-Ensino incidiu en que  “é impropio dun presidente da Xunta non respectar a representación sindical” e lémbralle que “esta ten tanta lexitimidade como a institucional e que as maiorías son iguais na Mesa Sectorial que no Parlamento”. Ademais, evidenciou que “a proba de que o acordo xa está pechado e de que traelo á Mesa Sectorial será un mero paripé está en que esta mesma semana a Dirección territorial de Lugo vai presentar o seu contido ás direccións dos centros, tal e como se recolle nun correo electrónico enviado onte”.

A Consellaría, instalada na propaganda

Lamentou que a seis semanas de que remate o curso académico e despois da convocatoria de seis xornadas de folga e de múltiples mobilizacións, “a Consellaría segue instalada só na propaganda baleira e non hai ningún movemento real que permita pensar que a partir do 1 de setembro exista algunha mellora no ensino público galego, xa que seguimos sen tan sequera un borrador sobre as novas medidas”.

 

Apuntou que “estamos en tempo de desconto para que remate un curso que puxo contra as cordas a administración, que a fixo reaccionar, iso está claro, porque se non foran as xornadas de folga docente, as mobilizacións, os peches en centros e a presión de toda a comunidade educativa todo seguiría parado, e non é así, houbo que emendar o acordo de 2023 porque se viu totalmente insuficiente e anunciar novas medidas que xa foran propostas da CIG-Ensino no mes de outubro e que daquela a Consellaría se negou a aceptar, como a dotación de maior persoal para atender a diversidade ou a actualización dos catálogos de postos de traballo dos centros de infantil e primaria”.

Tamén subliñou que a suposta recuperación horaria do profesorado de secundaria e outras ensinanzas ten que levar aparellada unha contratación de moito máis persoal, o mesmo que unha maior atención ao alumnado con diversidade. “Onde están as cifras tanto de contratacións a maiores como de contía económica destinadas a estas medidas que como mínimo se teñen que implementar durante os primeiros meses do vindeiro curso?”, cuestionou Arroxo.

A secretaria nacional da CIG-Ensino valorou que calquera acordo ten que ir acompañado de partidas orzamentarias “e até onde sabemos non hai ningunha previsión neste sentido por parte da Consellaría de Educación”. Neste senso, advertiu que o profesorado está farto de que o enganen e de que xoguen con el “e respondeu contundentemente á actitude da administración desde setembro, e volverá facelo esta mesma tarde coa asistencia masiva a mobilizacións convocadas en conxunto con asociacións de pais e nais, organizacións estudantís e outros colectivos vinculados ao ensino”, indicou.