A CIG-Ensino reclama a Educación que non se volva á “pandemia dos recortes” de profesorado

Reclama o mantemento das contratacións para reducir ratios e mellorar o ensino público
Nacional - 09 Xun 2021

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da consellaría de Educación, no edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, para demandar o mantemento das ratios docentes deste curso escolar. Educación pretende reducir as distancias entre o alumnado en ESO e Bacharelato, pasando dos actuais 1,50 metros deste curso a 1,20 metros para o que vén, noutros casos directamente a 1 metro ou mesmo como calquera outro curso normal. Isto provocaría unha redución drástica de profesorado, o incremento das ratios e volver á “pandemia dos recortes”.

Así o explicou Suso Bermello no decurso da concentración onde denunciou que esa redución de profesorado afectaría a un total de 1.350 contratacións tanto de Secundaria como de Primaria para facer os desdobres de aulas e redución de ratios.

Bermello lembrou que a pretensión inicial de Educación, hai xa un ano, para facer os desdobres limitábase a 240 contratacións en Primaria e menos de 500 en Secundaria, o que obrigou a convocar folgas e mobilizacións coas que se conseguiu que se duplicara esa previsión inicial chegándose a esas 1.350 contratacións. Precisamente as prazas que agora se poden perder para o vindeiro curso, porque ao se reducir as distancias incrementaríase novamente alumnado por aula.

Redución de ratios = calidade do ensino

Neste sentido denunciou que “perderiamos calidade educativa e perderiamos postos de traballo”, pero sobre todo subliñou que, aínda que “nunca tan difícil foi dar clase, con máscaras e medidas sanitarias, no que coincide todo o mundo é en que malia as máscaras nunca se deron unhas condicións como as deste curso, porque se pasou de impartir aulas para 32, 33 alumnos e alumnas e agora a 18-19 ou 21 como máximo”.

Unha redución de ratios que tivo como consecuencia inmediata que se reducira “exponencialmente a conflitividade nos centros, o número de expedientes e que melloraran moitísimo os resultados académicos”. Circunstancias que, ao seu entender demostran que “a demanda histórica que tanto profesorado como familias fixemos da redución das ratios, constátase que é o principal elemento para dotar o ensino público dun alto nivel de calidade”.

Advertiu do alumnado por aula que poderá volver a haber, superando os 25 en Primaria, “porque se algunha familia chega despois de pechado o prazo da matrícula ou hai alumnado repetidor, ese alumnado non conta” e chagando aos 27 ou 28 alumnos e alumnas.

Unha situación que, explicou, “entra dentro da legalidade” en Primaria e que se evitou o ano pasado, pero que afectaría especialmente a Secundaria “onde se conseguiron máis logros, ao se contratar a máis de 1.000 docentes para evitar a semipresencialidade e acadar unhas ratios que por primeira vez eran efectivas de 20 alumnos/as no bacharelato e na ESO”.

Contratacións estruturais

Por iso demandou que se manteñan as contratacións pero que sexan estruturais, é dicir, “que se incorporaran aos claustros a tempo completo para poder atender mellor ao noso alumnado, atender á diversidade, que cada vez é maior, porque levamos 2 cursos absolutamente anormais e o que precisa tanto o alumnado como o profesorado, no curso que entra, é que non se reduzan os postos de traballo e que non se reduzan as ratios. Ese é a cuestión fundamental”.