• Nova

A CIG-Ensino reelixe a Suso Bermello como secretario nacional no seu VIII Congreso

Renovou os seus órganos de dirección e definiu os seus obxectivos para o próximo período
Nacional - 13 Nov 2021

A CIG-Ensino reelixiu este sábado a Suso Bermello como secretario nacional por 133 votos a favor, 0 nulos e 9 en branco no seu VIII Congreso, no que as delegadas e delegados asistentes analizaron o traballo desenvolvido neste período e definiron as liñas de acción sindical que guiarán á federación nos vindeiros catro anos.

O VIII Congreso elixiu tamén a nova executiva que recibiu 141 votos a favor, 0 nulos e 1 en branco e queda conformada por:

Suso Bermello García

Laura Arrojo Reguera

Xosé Manuel Nogueira Rodríguez

Marta Ferreiro Fernández

Ana Rodiño Domínguez

Diego Boquete Sánchez

Teresa Carballido Salgado

Henrique García Vázquez

Elena Añel Cabanelas

Xosé Anxo Terán Comesaña

Maruxa Martínez Nogueira

Montse Pernas Bellas

A candidatura que representará á federación no Consello Confederal recibiu 142 votos a favor, 0 nulos e 0 en branco:

Suso Bermello García

Marta Ferreiro Fernández

Xosé Manuel Nogueira Rodríguez

Laura Arrojo Reguera

Ana Rodiño Domínguez

Xosé Lois Rivera Jácome

O relatorio de Acción Sindical e Estatutos foi aprobado por 110 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención e o Informe da Executiva foi referendado con 122 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións.

Suso Bermello, en representación do organismo saínte, foi o encargado de defendelo e dá boa conta do inxente traballo feito nestes catro anos con mobilizacións, campañas ou iniciativas, entre outras. Un traballo que, como explicou, se viu atravesado pola pandemia, o que obrigou a cambiar o tradicional modelo educativo e puxo en evidencia a fenda dixital e social do alumnado galego mais tamén as carencias que tivo que enfrontar o profesorado. Unha situación excepcional á que a CIG-Ensino foi quen, non só de dar resposta, senón tamén de liderar, propiciando mesmo rectificacións nas decisións adoptadas pola consellaría.

Catro anos nos que a CIG-Ensino deseñou e desenvolveu campañas pola recuperación dos dereitos do profesorado, pola recuperación do horario lectivo, en defensa dos dereitos do profesorado interino, do profesorado técnico de FP, ademais de múltiples mobilizacións derivadas das circunstancias da pandemia ou na defensa da lingua, entre outras.

Catro anos nos que, tal e como explicou Bermello, a CIG-Ensino seguiu consolidando a súa posición nas eleccións sindicais, cuns resultados que cualificou de “claramente satisfactorios” no ensino privado, onde aumentou representación; nos convenios de atención á diversidade funcional e do primeiro ciclo de educación infantil, onde mantivo a súa representación; nas tres universidades, nas que revalidou a súa condición de central maioritaria ou no ensino público, no que superou o teito dos 9.000 votos nunhas eleccións. Uns resultados, estes últimos, que sitúan á CIG-Ensino, co 43% dos votos obtidos, a unha enorme distancia da seguinte central sindical en representación, CCOO, que acadou o 18%.

Isto xunto cun medre afiliativo que foi de preto do 12% no conxunto dos catro anos, superando ano a ano os topes históricos de afiliación o que levou a Suso Bermello a concluír, na súa presentación do informe, en representación da executiva saínte, que a situación é de “fortaleza afiliativa, preocupación constante por manter ou superar a nosa representación e a nosa posición referencial, solvencia e independencia económica”. Elementos que considerou “fundamentais para manter con vigor o noso modelo sindical”.

Ademais, a secretaria de Finanzas da executiva saínte, Marta Ferreiro, deu conta do saneado estado financeiro da federación, que, como apuntou, garante a súa capacidade de acción e independencia.

As ideas non viven sen organización

Con todo, o recén reelixido secretario nacional da CIG-Ensino, advertiu, no acto de clausura do Congreso, da importancia de “non caer na compracencia de considerar que polos resultados e o traballo do pasado, ou mesmo do presente inmediato” a CIG-Ensino vai ser a “indiscutida opción sindical” do novo profesorado que está chegando coa muda xeracional e chamou, por iso, a traballar “sabendo de onde partimos e da responsabilidade da nosa posición, mais traballando como se todo estivese por facer”.

Bermello apuntou “o progresivo control do sistema educativo e a perda de democracia interna e participación do profesorado e do conxunto da comunidade educativa na toma de decisións; un marco político estatal que segue a limitar a capacidade de Galiza para se dotar de ferramentas propias e o contexto político e educativo do país, cun goberno que devece por non ter que tomar decisións propias porque non cre no autogoberno”.

Considerou que tanto a “dereita auténtica” a nivel galego, como o “progresismo” a nivel de Estado ou o poder económico internacional comparten a premisa de que “nada cambie” co  obxectivo de ter “un sistema educativo controlado desde fóra e desde dentro dos nosos colexios e institutos, cunha elevada carga burocrática e unha estandarización do proceso de aprendizaxe”. Un sistema que pretende que o profesorado “sexa mero transmisor dun currículo oficial e que o desvincule do necesario proceso colectivo que é a función docente”.

A isto engadiu o “constante incremento de fondos para o ensino concertado mentres se reducen no público”, o que acaba conformando “o marco ao que nos queren levar” e que retratou como: “privatización e deterioro do público xunto coa estandarización do proceso educativo, cunha comunidade educativa, e o profesorado en particular, que non se quere como protagonista”.

O que supón a LOMLOE

O secretario nacional de CIG-Ensino considerou a LOMLOE como “volver á casa de saída que era a LOE” porque “no se deron avances reais” na limitación e progresiva desaparición de centros segregadores que, advertiu, “vai dar problemas para a súa aplicación”; pola presenza da relixión na escola, que, aínda que perde a relevancia que tiña coa LOMCE “non deixa de ser unha enorme oportunidade perdida para dar o paso “á desaparición da relixión do currículo oficial”.

Xunto a isto rexeitou o interese da coalición que goberna no Estado por “controlar o marco regulador da educación “lexislando ámbitos que deberían quedar en mans das comunidades autónomas, como noutras iniciativas lexislativas”. Cualificou o proxecto de lei de FP como “profundamente privatizador”, ao igual que a proposta de Castells para a ordenación do sistema universitario.

Suso Bermello salientou tamén a situación de emerxencia lingüística do noso idioma, relegado ou na práctica irrelevancia nalgunhas etapas educativas tal e como se evidencia, dixo,  nos sucesivos informes que se publican.

Denunciou as políticas educativas do PP e a un sistema capitalista voraz que “pide menos sector público e un maior control sobre este”. Mai tamén denunciou a “un goberno estatal que se ofreceu como a esquerda posible e demostra que non é quen de cumprir cos seus mínimos programáticos”.

Retos da CIG-Ensino

Como claves programáticas da CIG-Ensino para o próximo período, o secretario nacional situou a defensa dun modelo educativo en clave nacional, que se fundamente na capacidade para decidir e deseñar a educación que Galiza precisa” e que pasan pola defensa do ensino público como único garante da equidade social, galeguizador e de acordo coa nosa realidade; unha educación aberta, gratuíta, plural, inclusiva, feminista e que erradique a lgtbifobia, o racismo e o machismo, fundamentada no pensamento crítico e na democracia interna e cunha oferta de prazas suficientes en todos os niveis educativos nos centros públicos.

Un modelo baseado nunha formulación ideolóxica que, dixo, precisa dunha ferramenta fundamental: “a organización”. Por iso animou ás delegadas e delegados asistentes a desenvolver unha acción sindical planificada, de contacto directo co profesorado e a reforzar a organización, consolidando o modelo sindical da CIG “porque cremos na autoorganización e na nosa forza de vontade”. Unha vontade e “unha convicción colectiva e plural”  que”, concluíu, “se chama CIG-Ensino”.

Forza para Avanzar na saída da crise

No acto de clausura interveu ademais o secretario xeral, Paulo Carril, quen tamén se referiu á pandemia que, dixo, afondou a crise social, económica, industrial e demográfica que xa viñamos padecendo. Unha situación de “emerxencia nacional e social” á que non se dá resposta nos orzamentos nin do Estado, nin da Xunta, o que, ao seu entender vén confirmar a pretensión dos gobernos de que sexan as maiorías sociais e o pobo galego que paguemos a crise.

Nese sentido denunciou o encarecemento dos bens de consumo básicos, nomeadamente da electricidade, que están a castigar as economías da clase traballadora, fundamentalmente, mais tamén agravando a crítica situación da nosa industria. Situación diante da que chamou a redobrar esforzos para facer chegar as causas polas que estamos nesta situación a todos e cada dun dos centros de traballo, e as alternativas que defende a central sindical.

Nese sentido apuntou como liñas de actuación que se marca a CIG convencer a máis sectores da clase traballadora da alternativa que representamos; ser un instrumento útil, de contrapoder fronte a explotación e reforzar o asemblearismo, a combatividade, a solidariedade e a unidade de clase para poder dar resposta ás loitas que haberá que enfrontar neste período porque “é desde o conflito como poderá haber un avance real das nosas condicións de vida”.

“Brutal” ofensiva do capital

Carril advertiu que está en xogo “o noso futuro, os nosos dereitos, o noso benestar e mesmo a capacidade de decidir do pobo galego sobre o noso futuro”. Por iso avanzou a campaña “Forza para Avanzar na Saída da Crise”, para facer fronte á “ofensiva brutal” do capital contra o traballo. Ofensiva para a que o capitalismo está aproveitando a pandemia coa fin de acelerar transformacións na economía e no traballo que, para a clase traballadora, se traducen nunha intensificación da explotación e en espolio e sometemento para os pobos.

Denunciou por iso a campaña  recentralizadora e españolizadora no Estado español, mais tamén a pretensión de convencer á clase traballadora de que desde o diálogo social é de onde nacen os dereitos. Diálogo social que cualificou de “enterrador dos dereitos laborais” e contra o que clamou pola renuncia ideolóxica que supón non só por parte do sindicalismo español, senón tamén da chamada esquerda española.

Renuncia fronte á que lembrou que “o capital e o traballo non temos intereses comúns, non son conciliables”e diante da que advertiu que “mentres máis se faga política de concertación e diálogo social menos melloraremos nas nosas condicións de vida, pero veremos como o capital é capaz de saír desta crise refortalecido e acumulando máis riqueza”.

Entre as múltiples propostas de resolución aprobadas e seguindo a liña do aprobado no Congreso Confederal, o VIII Congreso da CIG-Ensino, respaldou unha referida á folga xeral. Cuestión respecto da que Paulo Carril asegurou que se convocará se persiste o espectáculo que están a dar os socios de goberno do Estado español arredor da reforma laboral ou a das pensións. Unha pantomima que “ten consecuencias dramáticas”.

O secretario xeral concluíu dando ánimos á CIG-Ensino diante do inxente traballo que se aveciña ás portas do 50 aniversario das loitas do 72 en Ferrol e Vigo, que foron o xermolo do sindicalismo nacionalista do que naceu a CIG. Unha conmemoración diante da que a central sindical, hoxe hexemónica, ten que volver á confrontación social, porque sen esta, e sen confrontación ideolóxica “non conseguiremos dereitos, nin teremos a posibilidade de vivir dignamente”.