A CIG-Ensino reivindica como "máis necesaria ca nunca" a folga docente ante os últimos movementos da Consellaría
Despois de dous anos de parálise e incumprimentos dun acordo que xa era de por si insuficiente para o profesorado, a Consellaría de Educación está negociando por detrás medidas en materia de ratios e horarios en resposta ás mobilizacións e folgas realizadas polo profesorado dende o inicio deste curso.
A última manobra da Consellaría, critica a CIG-Ensino, produciuse hoxe mesmo coa adhesión, sen comentar en que termos, a este acordo “mal chamado de melloras” dun sindicato que non estaba a participar nas mobilizacións nin ten representación na Mesa Sectorial. “Esta desesperación fai que mobilizarse a próxima semana secundando a folga e participando nas accións propostas, sobre todo no enterro do ensino público que se simbolizará o mércores 17 desde o Parlamento de Galiza até a Xunta, sexa a forma máis eficaz de conseguir avances reais para o profesorado galego”, insta a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo.
Sen avances tras dous anos da sinatura do acordo
Dous anos despois da sinatura en outubro de 2023 por parte do presidente Rueda e de tres sindicatos minoritarios “non só non houbo ningún avance, senón que mesmo estes levaron ao xulgado os incumprimentos recollidos no documento (no relativo ao cómputo do alumnado con necesidade, nas ratios das aulas mixtas, na concesión de desdobres...)”.
As folgas e mobilizacións dos días 16 e 17 de decembro teñen un significado crucial neste conflito laboral no que o profesorado está a dar exemplo de resistencia e de unidade"
Ademais, o feito de que Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e as ensinanzas de réxime especial quedaran fóra absolutamente das medidas incluídas, fixo que este curso a CIG-Ensino formulara mobilizacións contundentes que permitiran abrir negociacións para acadar melloras laborais reais para o persoal docente e do ensino público en xeral.
Froito desas mobilizacións a Consellaría está a negociar na comisión de seguimento deste acordo medidas de redución do horario lectivo e das ratios na ESO. “Para cando e como anuncialo son detalles que aínda se descoñecen, matiza a CIG-Ensino, pero o que está claro é que de haber algún avance este non se produciría se este curso o profesorado non se mobilizara masivamente”. Esta afirmación ampárase en que o acordo supeditaba estas baixadas no primeiro caso a que a xornada do funcionariado da Xunta pasase ás 35 horas semanais (algo que hoxe en día non está enriba da mesa) e, no segundo, a iniciar a negociación ao remate da aplicación das novas ratios en infantil, isto é, no curso 26/27.
“A cuestión está en que en dous anos os mesmos sindicatos asinantes non foron quen de arrancarlle á Consellaría sequera que cumprise o acordado”, valora Arroxo. Para a central nacionalista, as mobilizacións do 16 e 17, coa convocatoria de dúas novas xornadas de folga e de marchas fúnebres que se están organizando para o martes entre centros de diversas localidades e a manifestación en Compostela o día 17 con saída ás 11:30h do Parlamento galego, “teñen un significado crucial neste conflito laboral no que o profesorado está a dar exemplo de resistencia e de unidade”.
Intentos de boicotear a mobilización
A este respecto, a CIG-Ensino critica os intentos da Xunta de boicotear estas mobilizacións a través das chamadas das inspeccións “para que nos centros se dea aparencia de normalidade e o alumnado leve as cualificacións do primeiro trimestre, dado que ao coincidir as xornadas de folga coas sesións de avaliación nalgúns centros isto non está garantido”.
Á vista destes movementos, a CIG-Ensino chama ao profesorado galego a que agora máis ca nunca amose as súas demandas en materia de baixada de ratios en todas as etapas nun calendario asumíbel, na recuperación do horario lectivo de antes dos recortes, na dotación de maior persoal para atender á diversidade, na eliminación de burocracia inútil que detrae tempo da atención ao alumnado, na retribución salarial que permita recuperar o poder adquisitivo perdido, na mellora das condicións de traballo do persoal interino e substituto e na aprobación de dereitos que xa teñen noutros territorios como a redución de xornada lectiva para maiores de 55 anos.
"A mellor e única forma que temos para facelo no que é xa un conflito no que o profesorado o está dando todo é secundando as folgas da próxima semana sen amosar o desgaste que a Consellaría quere insuflar ao negarse a negociar como si o fai noutros sectores, véxase a Sanidade, ou como o fan outras administracións despois de mobilizacións sindicais, como é o caso do goberno central", sentenzan.