A CIG-Ensino rexeita as actuacións de censura expresa da Consellaría nos centros educativos

A Administración obrigou a retirar unha exposición literaria feita polo alumnado nun IES de Cedeira
Cedeira - 02 Abr 2019

A CIG-Ensino denuncia a actuación do inspector do centro e do xefe territorial que deron ordes verbais á dirección do IES Punta Candieira para retirar unha exposición literaria, "nunha nova mostra dun autoritarismo que neste caso vai da man da prepotencia e o uso indebido da xerarquía funcional, xa que non houbo ningún escrito, senón chamadas telefónicas con instrucións claras para censurar a liberdade de expresión".

A CIG-Ensino amosa o seu total rexeitamento á actitude amosada pola Consellaría de Educación no caso da retirada da exposición literaria organizada pola Biblioteca Escolar do IES Punta Candieira de Cedeira. A Federación subliña que "non é a primeira vez que se dan actuacións por parte da Administración, ou mesmo das forzas e corpos de seguridade do Estado, a raíz de denuncias anónimas, ben sexa por parte de persoal docente ou doutros membros da comunidade educativa, que violentan o normal funcionamento dos centros educativos".

A CIG-Ensino reuniuse co profesorado

Unha representación do sindicato trasladouse hoxe mesmo ao instituto cedeirés para obter toda a información sobre o acontecido e reunirse co profesorado afectado e co equipo directivo. Segundo a información obtida, o inspector do centro, "nun alarde de prepotencia e falta do mínimo rigor profesional, tería ordenado telefonicamente á dirección a retirada da exposición".

Foi a intervención posterior do xefe político da Consellaría de Educación, de novo a través do inspector do centro, o que provocou que, sen que desde o equipo directivo se cuestionase a legalidade da instrución recibida, finalmente se aplicase a censura sobre o material literario confeccionado polo alumnado como froito dun traballo colectivo desenvolvido tras un taller.

"Estariamos, por tanto, diante dunha combinación que non é nada inusual nalgúns responsábeis políticos da administración educativa e dalgúns inspectores que parecen máis comisarios políticos da dereita máis reaccionaria que funcionarios que velan polo bo funcionamento dos centros educativos", denuncia a CIG-Ensino. Nesta liña, critica "a prepotencia, o abuso de autoridade e a imposición da man da covardía e da falta de respecto ás normas mais elementais. Só así se pode cualificar o feito de que se dean ordes da relevancia que ten a censura duns textos literarios sen mediar comunicación formal nin fundamentación xurídica".

Actuación impropia dunha administración educativa

A introdución deste tipo de “actuacións pseudopoliciais con denuncias anónimas, retiradas cautelares de obras artístico-literarias realizadas por parte da comunidade educativa e chamadas á orde”, aseveran, non poden ser de ningún xeito amparadas e mesmo impulsadas por unha administración que ten outras competencias máis importantes das que encargarse. Entre elas está a de velar porque se cumpran as liberdades profesionais, laborais e académicas do persoal docente e o fomento dunha educación en valores que forme a un alumnado con capacidade crítica para se desenvolver con liberdade e autonomía na nosa sociedade.

Desde a CIG-Ensino aplauden o comportamento exemplar do equipo docente obxecto dos ataques da administración así como a resposta do alumnado do centro. Por último, tamén queren apoiar o ofrecemento do Concello de Cedeira para que a exposición teña cabida en instalacións municipais e facen un chamamento "a facer da nosa liberdade de cátedra e da capacidade crítica do noso alumnado bandeira do que debe ser un ensino público refractario á censura e a imposición de ditados políticos propios da dereita máis desnortada".