A CIG-Ensino urxe o Ministerio a abordar xa a reforma do sistema de oposicións docentes

A central alerta de que este ano haberá de novo unha elevada taxa de prazas desertas
Nacional - 14 Xul 2026

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, reclamoulle ao Ministerio de Educación que aborde de xeito urxente a reforma do sistema de oposicións docentes e alertou de que este ano haberá de novo unha elevada taxa de prazas desertas. 

A secretaria nacional tamén se interesou por saber cando vai ser a próxima reunión do grupo de traballo no que se están a abordar as ratios en infantil e bacharelato

 A representante do sindicato galego fixo esta petición durante a Mesa Sectorial na que se tratou o Proxecto de Orde pola que se aproba o temario da fase de oposición para a Inspección educativa. Arroxo tamén se interesou por saber cando vai ser a próxima reunión do grupo de traballo no que se están a abordar as ratios en infantil e bacharelato, dado que estaba prevista unha nova reunión este mes, á vez que solicitou que o RD que as vai regular sexa tramitado pola vía de urxencia para evitar que se alongue no tempo e poida entrar en vigor no que queda de lexislatura.

O pasado mércores día 8 celebrouse a Mesa Sectorial docente do Ministerio de Educación para tratar o Proxecto de Orde Ministerial pola que se aproba o temario da fase de oposición do procedemento selectivo de acceso ao corpo de Inspección educativa. A CIG-Ensino demandou que, ao igual que se procedeu xa a modificar o sistema de acceso ao corpo de inspección a través do Real Decreto 68/2026 e agora se modifica tamén o temario, urxe abordar xa a modificación ou substitución do Real Decreto 276/2007 de ingreso e acceso ao resto de corpos docentes, así como actualizar os temarios.

A central sindical manifestou a súa preocupación polo que está a acontecer nas oposición deste ano, xa que dos datos que de momento trasladan as persoas opositoras en Galiza -despois da publicación das notas da primeira parte- despréndese que van quedar numerosas prazas sen cubrir. Así, non se lle pon remedio á elevada temporalidade que hai no sector público e en concreto na docencia e mesmo se pon en risco o correcto funcionamento do sistema educativo, dado que hai especialidades nas que xa é complicado atopar persoal para realizar substitucións.

Con respecto ao Proxecto de Orde que pasou pola Mesa Sectorial, non propón cambios significativos con respecto á Orde vixente (EDU/3429/2009) que será derrogada tras a súa publicación. Inclúe aspectos novos, actualiza conceptos e sobre todo redistribúe as epígrafes en áreas temáticas para adaptarse ao novo sistema de oposicións.

Previsiblemente este proxecto pasará polo Consello Escolar do estado o 23 de xullo e prevese a súa publicación no mes de setembro.

Contexto da norma 

O sistema de acceso ao corpo de inspección está regulado no Real Decreto 68/2026, do 4 febreiro, pola que se regula a inspección educativa, na sección terceira, na que se especifica que o procedemento consta de tres partes: unha fase de oposición, unha fase de concurso e unha fase de prácticas. 

A súa vez, a fase de oposición consta tamén de tres partes:

  1. a) Contestación por escrito dun cuestionario de entre 20 e 30 preguntas de desenvolvemento breve, referido á parte A do temario, con carácter anónimo.
  2. b) Realización por escrito dunha proba práctica na que se analicen un ou varios supostos prácticos sobre as técnicas adecuadas e competencias necesarias para a actuación da inspección educativa, na que poderá exixirse a elaboración dun informe de Inspección. Requerirase a lectura da proba ante o tribunal.
  3. c) Exposición oral dun tema referido á parte B do temario elixido entre 2 extraídos por sorteo ante o tribunal.

As tres probas serán eliminatorias e valoraranse de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter unha puntuación igual ou superior a 5 para poder optar a unha praza. 

A puntuación final da fase de oposición será o resultado de ponderar nun 30% a primeira proba, nun 40% a segunda e nun 30% a terceira.