Comités, delegados/as e seccións sindicais manifestan o apoio á demanda de coeficientes redutores para o naval

CIG-Industria concentrouse na Delegación do Goberno, onde rexistrou 30 pronunciamentos

Nacional -

A CIG-Industria realizou unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña, coincidindo coa entrega dos pronunciamentos recollidos entre comités de empresa, delegados/as de persoal e seccións sindicais en apoio á campaña que a central sindical ten en marcha para solicitar a implantación de coeficientes redutores no sector naval (tanto nas empresas públicas como nas privadas, así como para as súas auxiliares).

O pasado mes de xullo, a CIG dirixiuse ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social para instalo a que inicie os trámites legais para o establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación para os traballadores e traballadoras do sector naval, dando así resposta a unha reivindicación que dende hai tempo se viña debatendo entre o persoal do sector.

Conscientes de que este é un procedemento administrativo prolongado, a Federación de Industria iniciou unha campaña para recoller apoios á esta reivindicación tanto a nivel institucional como nos centros de traballo, co obxectivo de favorecer "unha resolución positiva".

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, foi o encargado de entregar os 30 pronunciamentos recollidos entre comités, delegados/as de persoal e seccións sindicais "que representan a uns 3.500 traballadores/as do naval de Ferrolterra e a uns 2.000 do naval da área de Vigo". Os escritos foron asinados tanto en empresas onde a CIG ten a maioría da representación, como nas que non ostenta esta condición, tal é o caso de Navantia.

Ás portas da Delegación, Bouzas subliñou que xa van oito meses dende que a CIG se dirixiu ao Ministerio de Traballo "pero a día de hoxe descoñecemos en que fase está o procedemento administrativo". Por esta razón, a central sindical tamén aproveitou para solicitar unha reunión co Delegado do Goberno e demandarlle un posicionamento político a favor desta reivindicación laboral.

Neste senso, Bouzas apuntou que, "aínda que estamos nunha situación transitoria pola convocatoria de eleccións xerais e entendemos que o Goberno en funcións non vai avanzar nada nesta cuestión, queremos que este sexa un tema prioritario para o novo Executivo que saia das urnas o 28 de abril".

Xubilación a unha idade e cunhas condicións dignas  

O secretario nacional da CIG-Industria denunciou que as reformas das pensións de 2011 e 2013 supuxeron duros recortes na xubilación, atrasando a idade de acceso até os 67 anos, ampliando o período de cómputo da base reguladora ou incrementando o número de anos para cobrar a pensión completa. Xunto a isto, apuntou que as medidas para a xubilación parcial aos 61 anos aprobadas polo PSOE, non só non restableceron este dereito nas condicións anteriores, senón que na práctica exclúen o conxunto da clase traballadora do acceso a esta modalidade de xubilación.

"Do mesmo xeito que estes coeficientes xa existen para o mar ou a minaría, dadas as condicións nas que se traballa nestes sectores, entendemos que polas súas características, o naval tamén debe ter unha regulación semellante e favorecerse o acceso á xubilación nunha idade e cunhas condicións dignas", explica Bouzas. Ademais, continúa, "esta sería unha medida para manter e rexuvenecer o emprego".

Contactos institucionais

No marco desta campaña, a CIG xa mantivo unha xuntanza coa secretaria xeral de Emprego e a subdirectora xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, de quen se demandou axuda de carácter técnico-administrativo e o respaldo político da Xunta para que se recoñeza a implantación destes coeficientes. A iniciativa tamén foi presentada aos diferentes grupos do Parlamento galego.

Volver