A CIG entrega centos de manifestos de comités pedindo a derrogación da reforma das pensións e manter o dereito á xubilación parcial aos 61

O cambio anunciado polo Goberno é inxusto porque exclúe a maioría da clase traballadora

Nacional -

A CIG fixo entrega esta xoves nas sete cidades e en varias localidades dos centos de pronunciamentos recollidos entre comités de empresa e delegados/as de persoal reclamándolle ao Goberno español a derrogación da reforma das pensións de 2011 para non perder definitivamente o dereito á xubilación parcial aos 61 anos. O rexistro dos documentos realizouse de maneira simultánea nos edificios das subdelegacións, do INSS e da Delegación e avalan a reivindicación que a central sindical xa trasladou o pasado mes de setembro ao Ministerio de Traballo e ao secretario de Estado da Seguridade Social.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou no acto na Delegación do Goberno na Coruña, lembrou que a reforma aprobada en 2011 polo Goberno de Rodríguez Zapatero -co apoio de UGT, CCOO e a patronal- eliminou o dereito á xubilación parcial, fixando un período transitorio que finaliza o próximo 31 de decembro.

"De non reverterse, esta medida suporá afondar na perda de dereitos que levamos anos padecendo e que se agudizou baixo o pretexto da crise económica: atraso da xubilación aos 67 anos, introdución do factor de sustentabilidade, ampliación do tempo para o cómputo da base reguladora, incremento do número de anos para cobrar a pensión completa, etc.", afirmou.

Preocupación polas mudanzas que estuda o Goberno

Ao retroceso que supoñen as reformas de 2011 e 2013 haberá que engadir este novo recorte a partir de decembro, polo que a CIG esixe a derrogación inmediata de ambas reformas e o restablecemento da xubilación parcial aos 61 anos nas condicións que existían previamente. A urxencia  desta demanda vén pola necesidade de non prolongar inxustamente a vida laboral dos traballadores e traballadoras con carreiras laborais moi longas, "que merecen unha xubilación digna e poder acceder a esta nunha idade máis que merecida, aos 61 anos, e non aos 67 como aceptaron CCOO, UGT e a patronal".

Neste senso, a CIG amosa a súa preocupación pola informacións aparecidas estes días nos medios de comunicación sobre as medidas que prepara o Goberno español para o contrato relevo. De seren certas as condicións anunciadas, a central sindical entende que serían gravísimas "porque se estaría impedindo a recuperación da xubilación aos 61 anos para o conxunto dos traballadores e das traballadoras, e aínda por enriba limitado a súa aplicación ao sector industrial, e dentro deste a determinados subsectores e postos", advirte Carril.

Para o secretario xeral da CIG esta medida resultaría gravemente discriminatoria e inxusta, atendendo a que quedaría fóra "practicamente todo o conxunto das traballadoras e traballadores, que nalgúns casos, ademais de traballar en condicións precarias, fano en condicións moi penosas". Por esta razón, Carril xa advertiu que, no caso de se levar adiante a reforma neste sentido, "a CIG dará a resposta oportuna tanto no ámbito legal como sindical".

Rematar coa emigración e incrementar o número de cotizantes

Sobre a relevancia de restablecer o dereito á xubilación parcial aos 61 anos, Paulo Carril subliñou que Galiza precisa rexuvenecer os cadros de persoal, como medida real de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración. "A precariedade e a falta de emprego está a provocar que a xente máis nova e mellor preparada teña que emigrar, ofrecendo o seu esforzo e coñecemento noutros países que medran e se enriquecen grazas a el", denunciou.

Mais tamén, continúa Carril, "é preciso  aumentar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de pensións con máis cotizantes, e iso pasa por ofrecer traballo digno aos nosos mozos e mozas, que regrese toda a mocidade que emigrou por mor da crise, e por derrogar as reformas laborais para que favorecer unhas condicións e uns salarios xustos. Só así faremos máis forte o noso sistema público de pensións".

Volver