A CIG esíxelle á Xunta que elabore xa un Plan Integral de recuperación para a Ría de Ferrol

Para que volva ser un piar básico na economía da comarca
Ferrol - 11 Set 2020

A Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil, Telecomunicacións e Actividades Afíns da CIG de Ferrol (FGAMT-CIG) esíxelle á Consellaría do Mar que adopte de xeito inmediato as medidas precisas para que a Ría de Ferrol "volva ser un piar fundamental na economía da comarca".

O secretario confederal de Industria e Emprego, Francisco Cartelle, subliña que o saneamento integral da Ría de Ferrol é unha necesidade ineludíbel, "pois de non se levar a cabo de xeito inmediato e decidido afondarase no abandono deste piar básico da economía da comarca". Por iso, a central reclama do goberno da Xunta de Galiza que "tome en serio dunha vez por todas esta problemática" e elabore un Plan Integral de recuperación da Ría de Ferrol para o marisqueo.

Cobertura económica para o persoal do sector

Mais mentres non se arbitran estas medidas, apunta Cartelle, faise preciso tamén darlle cobertura económica ás persoas que viven do sector "e que están neste momento totalmente desprotexidas e abandonadas pola administración". Nese sentido, hai que garantir que o persoal que non pode traballar con normalidade conte con ingresos que lles permitan afrontar os seus gastos vitais.

"A Ría de Ferrol ten que volver ser unha base da economía da comarca que permita vivir de xeito digno as persoas que se dedican a esta actividade. O deixamento e a incapacidade da Xunta de Galiza para enfrontar de raíz os problemas da Ría non son novidosos, pois o sector tense visto abocado historicamente a este desleixo por parte dos responsábeis do goberno galego", denuncia Cartelle.

A CIG defende que é preciso apostar pola potencialidade económica e natural da Ría de Ferrol como xeradora de emprego sostíbel e digno e para iso é básico que o goberno da Xunta desenvolva unha serie de medidas urxentes para a súa recuperación, dinamización e posta en valor.