A CIG esixe a dimisión da conselleira de Educación por conivencia cun caso de enchufismo confirmado polo Tribunal Supremo
A federación de Ensino da CIG esixe a dimisión da conselleira de Educación, Carmen Pomar, pola súa conivencia cun “clamoroso” caso de enchufismo na Administración, que agora vén de ser confirmado polo Tribunal Superior. Dende a central denunciaran que a beneficiaria da ilegalidade cometida polo departamento autonómico é cuñada de Susana López Abella, ex secretaria xeral de Igualdade co PP, e na actualidade ocupa o cargo de directora do Museo Pedagóxico de Galiza (MUPEGA).
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, compareceu hoxe en rolda de prensa en Pontevedra xunto ao secretario comarcal da federación, Xacobe Rodríguez, para dar conta da decisión do Supremo, que non admitiu a trámite o recurso de casación interposto pola Xunta contra a sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) en 2018.
Bermello sinalou que tiveron que transcorrer catro anos tiveron para que finalmente “se bote abaixo” un caso “absolutamente impresentábel” de nepotismo na Administración autonómica: a creación dunha praza inexistente na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra para “colocar” a unha funcionaria docente con destino en Asturies e cuñada de Susana López Abella, naquel momento secretaria xeral de Igualdade da Xunta e agora cesada para concorrer polo PP nas eleccións do 5 de abril pola provincia de Lugo.
O responsábel sindical explicou que dende abril de 2016 a CIG-Ensino promoveu todos os recursos e accións necesarias para anular un enchufe que a Consellaría mantivo para favorecer a unha docente que doutro xeito non podería obter destino en Galiza ao non existir prazas da súa especialidade en ningún centro educativo. “O favoritismo con esta funcionaria docente viña de atrás, cando no 2014 pretenderon colocala irregularmente nunha listaxe de persoal interino”, lembrou.
Fracasado ese primeiro intento por lograr o regreso desta persoa a Galiza, inténtano de novo mediante o concurso xeral de traslados, ofertando unha praza á que só se presenta a interesada “porque ninguén máis ten coñecemento dela”. A partir de que se lle foi concedida a CIG inicia as reclamacións pertinentes e mesmo convoca protestas, ás que se suman o resto de organizacións sindicais. Pero como a Consellaría non dá marcha atrás decide levar o caso aos tribunais.
En outubro de 2018 oTSXG dita unha sentenza “demoledora” que reproduciu e deu por boas todas as denuncias presentadas pola CIG-Ensino a respecto do modus operandi da “trama” que pretendeu “colocar” a esta persoa dun xeito “escandaloso”.
Breve repaso dos feitos denunciados pola CIG-Ensino
-A persoa beneficiada, con destino definitivo na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Avilés, tiña manifestado o seu desexo de integrarse como profesora no centro de Pontevedra.
-Esta profesora, sendo funcionaria de carreira en Asturies, permanecía nas listaxes de interinos/as na especialidade de Conservación e Restauración de Obras Pictóricas de Galiza, e o seu nome aparecía e desaparecía desta listaxe en varias ocasións, até que decaeu dela despois dunha denuncia.
-Esta profesora con destino definitivo en Asturies estivo, segundo informacións ás que tivo acceso a CIG, a piques de ser nomeada directora da Escola Superior de Bens Culturais de Galiza no momento da dimisión do anterior equipo directivo.
-Foi, tendo o destino definitivo como profesora en Asturies, designada asesora técnica do MUPEGA e, pouco tempo despois, o 24 de abril de 2015, nomeada directora polo sistema de libre designación (posto de confianza).
-A realidade é que a persoa beneficiada está moi ben relacionada con altos cargos da Xunta. Hoxe é directora do MUPEGA por libre designación e, aínda tendo destino definitivo en Asturies, a Consellaría adxudícalle, mediante o concurso xeral de traslados, unha praza dunha especialidade inexistente na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, mais non oferta ningunha vacante das especialidades que se están a impartir.
A conselleira asumiu a defensa do enchufe
Malia todas as denuncias, un informe da Valedora e, sobre todo, da dureza da sentenza, a conselleira de Educación “fixo bandeira do caso” e defendeu a presentación dun recurso de casación perante o Tribunal Supremo, aproveitando unha intervención no Parlamento Galego para atacar a CIG-Ensino.
E iso a pesar de que a responsábel de Educación “non tiña necesidade de mancharse as mans neste tema”, xa que ela non estaba á fronte da Consellaría cando se promoveu este caso de nepotismo. A responsabilidade quedou claramente fixada na sentenza e afectaba tanto á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, como última responsábel de que a praza se crease ilegalmente, como á Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, que informou favorabelmente no expediente xudicial.
Porén, Carmen Pomar asumiu en primeira persoa a responsabilidade dos feitos e ordenou a presentación do recurso de casación, dilatando a execución da sentenza ano e medio. Por tanto, a CIG-Ensino esíxelle á conselleira que presente a dimisión como responsábel educativa do Goberno galego, asumindo así tamén as consecuencias dos seus propios actos, e reclama que se depuren responsabilidades para que un feito destas características non se repita máis. Ao mesmo tempo, insta a Administración educativa a executar a sentenza en canto teña coñecemento formal.
Finalmente, na CIG consideran que o MUPEGA queda “claramente tocado” por este caso de nepotismo, xa que a presidenta da comisión reitora do MUPEGA é a propia conselleira de Educación, e o secretario xeral técnico é o número dous da Consellaría, Jesús Oitavén Barcala, e que a directora ocupa un cargo de libre designación. “Por tanto, consideramos que a actual directora e beneficiara do enchufe da Consellaría nunha praza creada para ela no concurso de traslados de 2016 debe presentar a dimisión no seu cargo e, de non facelo, debe ser cesada”.
Algunhas das afirmacións que inclúe a sentenza do TSXG
<<Estes indicios ou presuncións revisten no seu discorrer tal concatenación que, inevitabelmente, conducen a concluír que estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a acadar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico>>.
<<Non só non se actuou con transparencia senón que se fixo con manifesto ocultismo; impediuse o acceso á parte actora [CIG-Ensino] á información. Nin sequera a requirimentos do Valedor do Pobo>>.
<<Non se aportou razón algunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza. Cando tal especialidade non existe nesta Comunidade Autónoma, non resulta necesaria a súa impartición e a adxudicación supón a incorporación dunha nova profesora en detrimento da calidade da docencia e o funcionamento interno dos departamentos>>.
<<Tales circunstancias vense agravadas por outros feitos que resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta; así, cobra especial relevo a relación de parentesco entre a adxudicataria da praza e a señora López Abella, Directora [sic] Xeral de Igualdade da Consellaría de Presidencia. Evidente mostra de nepotismo que, lonxe de perder arraigo na Administración pública, parece reforzarse>>.