A CIG esixe cambiar o decreto 20/2018 e convocar unha nova poxa para garantir solucións á industria electrointensiva

O RD do Goberno español será sometido este xoves a debate e votación no Congreso

Nacional -

Ante o debate e votación mañá, xoves, no Congreso dos Deputados e Deputadas do RD 20/2018 de medidas para a industria electrointensiva, a CIG esíxelle ao Goberno español que modifique o decreto para, nun prazo inmediato, avanzar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que se garanta o mantemento dos empregos e da actividade produtiva nas empresas con grandes consumos enerxéticos e que recoñeza o seu estatus específico. De igual xeito, ante a gravidade da situación xerada na última poxa do sistema de interrompibilidade, a CIG considera que sería necesaria a realización da poxa correspondente ao segundo semestre de 2019 de inmediato, mais mellorando substancialmente o número de bloques e os importes medios.

Tal e como están definidas neste momento no Real Decreto, as medidas do Goberno resultan insuficientes e moi lentas para dar unha resposta axeitada aos graves problemas do sector. A urxencia para enfrontar o momento actual obriga a que calquera proposta para as electrointensivas non poida ter un prazo de execución superior a un mes, porque doutro xeito chegará demasiado tarde, especialmente no caso das fábricas de Alcoa da Coruña e Avilés.

Modificación das tarifas a través dos Orzamentos Xerais

Neste senso, a CIG demanda unha nova regulación máis xusta e equitativa e que recoñeza o estatus da industria electrointensiva, coa creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se podan acoller os grandes consumidores baixo o cumprimento dunha serie de requisitos de consumo, potencia contratada e dispoñibilidade de interrupción de subministro se fora preciso para a xestión da demanda e prezos do sistema eléctrico.

A central sindical defende que é a través dos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, onde hai que aplicar unha modificación do sistema de tarifas eléctricas para a industrias con grandes consumos, liberándoas de pagar as peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico: primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario.
Estas peaxes serán asumidas polas contas xerais do Estado, que deben contemplar tamén a máxima compensación permitida pola UE por C02, por competir con industrias semellantes instaladas noutros lugares do mundo onde non se limitan as emisións de dióxido de carbono.

Obrigas das empresas co emprego e as condicións laborais

Para compensar esta rebaixa e o esforzo social que implica pasar as peaxes non abonadas polas industrias aos orzamentos, as central defende que as empresas electrointensivas que se acollan a este sistema tarifario terán a obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo. Así mesmo, as empresas acollidas a esta tarifa terán que respectar e mellorar as condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual. A Administración Pública deberá comprobar previamente o cumprimento desas obrigas e as empresas acreditalas con fiabilidade.

Doutra banda, e co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a CIG defende que habería que retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.

Mentres non se aplique esta nova tarifa, cuxa entrada en vigor tense que axilizar o máximo posíbel, a CIG considera que, de maneira  transitoria, hai que seguir coas poxas da interrompibilidade pero con carácter anual e non semestral, mantendo a media dos importes dos últimos anos, cos mesmos bloques e recuperando o preaviso de parada de 2 horas.

Xornada de folga e mobilizacións en Alcoa

Na véspera do debate do RD no Congreso, os traballadores e as traballadoras de Alcoa están secundando masivamente a xornada de folga convocada nas tres fábricas da multinacional (A Coruña, San Cibrao e Avilés) para esixir do Goberno medidas inmediatas e efectivas que eviten o peche das factorías coruñesa e asturiana e permitan manter os empregos e a actividade produtiva nun sector como o do aluminio, estratéxico para o noso país.

Aproveitando a convocatoria da folga e ao berro de "Alcoa non se pecha", o persoal marchou de maneira simultánea dende Ribadeo (no caso dos traballadores/as galegos/as) e dende Castropol (no caso do persoal asturiano) até xuntarse na ponte de Vegadeo. Marcha á que corresponden as imaxes que acompañan esta nova.

Dende Vegadeo a mobilización dirixiuse até as portas da Casa do Concello, onde tomou a palabra un representante de cada centro de traballo para esixir á multinacional que retire o ERE e aos gobernos que poñan en marcha medidas urxentes para crear unha tarifa eléctrica estábel, predicíbel e competitiva para a industria electrointensiva que garanta o futuro dos empregos.

Volver