A CIG esixe a readmisión de dous traballadores das ambulancias de Sarria e que se respecte o convenio

A central concentrouse na sede da empresa Rubiero-Xirón e no centro de saúde de Becerreá
Becerreá - 29 Nov 2019

A CIG realizou ese venres unha concentración diante da sede da empresa Rubiero-Xirón e unha protesta con reparto de follas informativas no centro de saúde de Becerreá para denunciar a precarización das condicións do persoal das ambulancias e os incumprimentos do prego de condicións, así como demandar a readmisión dos dous traballadores da base de Sarria despedidos de maneira inxusta.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, explica que a empresa Luis Iglesias Carrera SL, a través de Rubiero-Xirón, xestiona as bases do transporte urxente en ambulancia do 061 de Lugo, Vilalba, Guitiriz, Palas de Rei, Sarria, Becerreá, Navia de Suarna e Pedrafita, así como o transporte sanitario programado en boa parte destas zonas.

En abril deste ano celebráronse eleccións sindicais na base de Sarria (xestionada por Rubiero-Xirón e Samuel), saíndo elixido o delegado de persoal da CIG. A resposta da empresa, na que xa se arrastraban problemas laborais por incumprimentos do convenio, nomeadamente por exceso de xornada, non se fixo agardar e durante o verán despediu a dous traballadores, alegando motivos disciplinarios en base a feitos falsos.

Para o responsábel da FGAMT-CIG esta decisión constitúe unha represalia, atenta contra as liberdades sindicais e ten un claro afán de amedrentar o resto de compañeiros e compañeiras para que non reclamen os seus dereitos.

Incumprimentos e atrasos nos pagos

Hai que subliñar que dende que o Grupo Xirón asumiu o control na xestión destas bases (tras da retirada paulatina do empresario Luis Iglesias) aos habituais incumprimentos do convenio sumáronselle os atrasos no pagamento dos salarios. Todo este conxunto de actuacións empresariais xa propiciaran a presentación de demandas diante do xulgado e de actuacións da Inspección de Traballo.

López Carmona destaca que este proceder patronal non se pode desligar do anterior concurso do transporte sanitario, no que os empresarios participaron por debaixo de custes co beneplácito da Xunta de Galiza e manobraron para facer un descolgue encuberto do convenio colectivo (estratexia que tentaron repetir neste último concurso). Isto xerou que tanto as condicións laborais do persoal como os servizos prestados á cidadanía "vaian camiño da precariedade".

Así, explica, a calidade e as condicións dos vehículos e os seus equipamentos non se melloran, a dotación de medios tense que facer nos hospitais e centros de saúde pola falta de equipamento das empresas e nin sequera se garante a axeitada limpeza e desinfección da uniformidade do persoal.