• Nova

A CIG esixe limitar a subcontratación en cadea, máis prevención e que se cumpran os convenios no sector das teleco

O accidente mortal nunha subcontrata de Telefónica evidencia a urxencia destas demandas
Pontevedra - 28 Xul 2021

Ante o accidente que o pasado 13 de xullo lle custou a vida a un traballador de Tendegasa (subcontrata de Telefónica en Pontevedra), a CIG-Industria esixe que, dunha vez por todas, se proceda á regularización do sector das telecomunicacións restrinxindo a subcontratación en cadea, acometendo un maior control en materia de prevención de riscos e saúde laboral por parte da autoridades laborais, recoñecendo o dereito á subrogación deste persoal, e obrigando as empresas ao cumprimento íntegro dos convenios provinciais do siderometal.

"Temos claro que a subcontratación mata", asevera a CIG-Industria, quen quere trasladar o profundo pesar polo pasamento do traballador, falecido ao partir pola base o poste de madeira ao que estaba subido para acometer a instalación de fibra na localidade de Meaño. Un fatal suceso que evidencia a urxente necesidade de regular o sector, reforzar as medidas de prevención e rematar dunha vez co perverso sistema de pago por puntos.

A CIG-Industria de Pontevedra xa se puxo en contacto coa Inspección de Traballo para solicitar que se investigue o sucedido "pero resúltanos alarmante que a autoridade laboral aínda non cursara o accidente a ningún inspector".

Unha vella reivindicación da CIG

A CIG leva anos denunciando a precariedade que supoñen as diferentes escalas de contratación, tanto a nivel institucional con concentracións diante do Parlamento Galego (2020 e 2021) nas que se esixiu a creación dunha mesa de  negociación no sector das telecomunicacións, como a través da negociación colectiva, demandando o cumprimento dos convenios colectivos,  a eliminación da cadea de subcontratación e o dereito á subrogación do persoal. Con este obxectivo, en 2015 levouse adiante unha folga nas contratas de Telefónica que durou máis de 40 días.

Neste senso, Anxo Lúa, secretario da CIG-Industria de Pontevedra, advirte que a desregularización laboral nas empresas de telecomunicacións está a provocar que os traballadores e as traballadoras teñan unhas condicións de traballo en precario.
Como exemplo basta dicir que Telefónica ou R contratan empresas auxiliares que operan a nivel de estado, como Comfica, que á súa vez en Galiza subcontrata os servizos que ten adxudicados con outra firma, e esta última empresa volve subcontratar a unha terceira. Este sistema aplícase así en cada provincia galega.

Pero cada empresa da cadea de subcontratación quere obter os seus beneficios "e, polo tanto, o que se vai precarizando son as condicións laborais. Estas grandes empresas como Telefónica poderían cortar a subcontratación en calquera momento, pero no o fan", denuncia.

Un sistema perverso de puntuación

Coas empresas das diferentes escalas de subcontratación, ao persoal esíxenlle realizar  os traballos diarios baixo un sistema de puntuación que leva  consigo que, de non acadar as contías establecidas, se produzan ameazas de sancións por non cumprir as esixencias dos puntos mensuais.  

Nestes tramos  intermedios de subcontratación nacen os principais problemas do sector, apunta Lúa. A operadora principal (Telefónica, R etc.) redacta os protocolos en materia de prevención e saúde laboral axustándose á lexislación vixente, pero logo, á hora de subcontratar os servizos nos diferentes niveis, as medidas de prevención non teñen un seguimento por parte da contratista. De feito, a  maioría das subcontratas eluden os protocolos en materia de prevención de accidentes de traballo e esíxenlle aos traballadores e ás traballadoras maiores ritmos, poñendo en primeiro termo os beneficios antes que a saúde das persoas.  

Mantementos e medidas preventivas insuficientes

Concretamente, engade o responsable da CIG-Industria de Pontevedra, as infraestruturas das telecomunicacións, e en especial os postes de madeira que soportan o cableado e se deterioran co paso do tempo, teñen que ter un tratamento de especial control, aínda que en moitos dos casos non se revisan e ocasionan accidentes.

Por iso, a utilización da escada e de trepadores para subir os postes só se debería permitir cando non se poidan utilizar outros elementos máis seguros como a plataforma elevadora móbil de persoas. "E neste caso, as empresas deben de ser máis responsables e dotarse da cantidade suficiente destes elementos para evitar a subida os postes, ao tempo que Telefónica ou calquera outra operadora debería asumir a responsabilidade na esixencia destes elementos de traballo para evitar precisamente o que aconteceu en Meaño", salienta.

Ante este accidente mortal, a CIG-Industria pregúntase por que non había plataforma de elevación móbil de persoas a disposición do traballador, en que momento Telefónica revisa eses traballos en materia de seguridade e o cumprimento de protocolos, por que se subcontratan este tipo de traballos, ou por que se sigue primando o pago por puntos nalgúns traballos e non se incentiva o pago por horas e  incentivos por cumprimento dos protocolos de seguridade.