A CIG esixe medidas urxentes para garantir a saúde do persoal da CRTVG

Considera insuficientes as medidas adoptadas pola empresa

Nacional -

A sección sindical da CIG na CRTVG considera que ante a situación excepcional de emerxencia pola propagación do coronavirus, a dirección da compañía “ten a obriga de adoptar as medidas e dar as instrucións necesarias para garantir a seguridade e a saúde das súas traballadoras e traballadores”. Nese sentido sinala que “este deber é compatíbel co mantemento do servizo público de radiotelevisión se se permiten formas alternativas, polo menos excepcionalmente, de desenvolvemento da actividade laboral”.

Polo de agora a empresa limitouse a seguir as recomendacións xenéricas das autoridades sanitarias no que atinxe á detección, prevención e reforzo da hixiene e a manifestar a súa disposición para adaptar os postos do persoal especialmente sensíbel. Ademais, restrinxiu o aceso a zonas sensíbeis e trasladou e redistribuiu alguns equipos entre os centros de traballo, co fin de asegurar a prestación do servizo público de radio, televisión e web. A empresa tamén informou da aplicación, restrinxida a unha parte do persoal, de medidas de flexibilidade horaria e teletraballo.

Con ser todas elas necesarias, desde a CIG pensamos que son insuficientes para evitar ou minimizar o risco de contaxio do coronavirus  na CRTVG. Cremos urxente que se complementeen con outras para evitaren as concentracións inecessárias de traballadores, nun momento no que a propia empresa recoñece a supresión de boa parte da actividade informativa non relacionada coa alerta sanitaria. Neste sentido, compre a adopción de medidas de carácter xeral como as anunciadas pola Xunta en relación á flexibilidade horaria, a reorganización de quendas e a dispoñibilidade para teletraballar.

Algunhas funcións poden desempeñarse desde a casa sen necesidade de ningún tipo de adaptación técnica. Outras requirirán que os responsábeis dos soportes informáticos e dixitais implanten os sistemas necesarios para que a maior parte dos traballadores e traballadoras poidan continuar coa súa actividade laboral desde a casa. En todo caso, no centro de traballo só debe permanecer o persoal estritamente necesario, polo tempo imprescindível para atender o servizo esencial de radio, televisión e web, aplicando un sistema de quendas rotatórias. O resto das traballadoras e traballadores, se non puderem traballar a distancia, deberán permanecer nos seus horarios de traballo nos seus domicílios, a disposición da empresa para o caso de requerirse a súa presenza para atender as necesidades informativas esenciais para a comunidade.

Non contemplar todas as medidas para previr a expansión do coronavirus no actual contexto de emerxencia global, antepoñendo a continuidade xenérica do servizo á saúde das traballadoras e traballadores, sería unha enorme irresponsabilidade, ademais da perda  dunha oportunidade única para unha empresa pública con grande proxección social dar exemplo nun momento en que os nosos representantes políticos apelan á consciencia e á disciplina das e dos cidadáns.

Volver