A CIG esixe o pronunciamento da Xunta fronte ás agresións sexuais e xustiza para as vítimas

Aproveitou o pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero para reclamar “tolerancia cero” tras coñecerse a imputación do conselleiro do Mar
Nacional - 05 Xun 2025

A CIG aproveitou a celebración do pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero (OGVX) que tivo lugar hoxe nas instalacións do Consello Económico e Social para esixir un pronunciamento deste organismo tras coñecerse a dimisión do conselleiro do Mar como investigado por un delito de agresión sexual.

A representante da central no OGVX demandou “tolerancia cero” cos agresores sexuais, ao tempo que reclamou xustiza e reparación para a vítima. En palabras de Margarida Corral, “non se pode tolerar que un representante do Goberno galego utilice o seu escano e os medios de comunicación públicos para negar os feitos, aproveitándose da súa condición de conselleiro para manifestar a súa inocencia, facendo entender que foi obxecto dunha denuncia falsa”. Ao mesmo tempo, solicitou a apertura dunha investigación para saber de onde saíu a filtración do nome da vítima, “vulnerando o dereito ao anonimato e á protección da súa intimidade”. 

Non se pode tolerar que un representante do Goberno galego utilice o seu escano e os medios de comunicación públicos para negar os feitos, aproveitándose da súa condición de conselleiro para manifestar a súa inocencia, facendo entender que foi obxecto dunha denuncia falsa

Corral preguntouse tamén como é posíbel que por parte do resto do Executivo, co presidente Alfonso Rueda á cabeza, non se fixera unha soa mención á necesidade de denunciar e de manifestar o apoio ás mulleres que denuncian unha agresión ou situación de violencia. “Máis ben todo o contrario, xa que permitiron que o investigado saíse entre aplausos e expresaron o seu desexo de que poida volver á vida pública”. A representante da CIG rematou a súa intervención neste punto incidindo en que a violencia de xénero non é un asunto privado,” senón un problema estrutural e social que require de pronunciamentos sen fisuras e de actuacións firmes”.

A Vicepresidencia do OGVX limitouse a responder que o asunto en cuestión está xudicializado, “e que por tanto non ían abordar o tema”. Dun total de 29 representantes no pleno, tan só catro (FADEMUR, Colexio de psicólogos/as de Galiza e o Consello da Avogacía e Unidade contra a Violencia de xénero da Delegación do Goberno en Galiza) manifestaron o apoio á proposta da CIG, instando cando menos a utilizar o Informe de violencias sexuais presentado hoxe para trasladarlle ás vítimas o apoio do organismo público. “Este tipo de silencios contribúen á impunidade do machismo, que segue instalado nas institucións, sendo preciso que ninguén silencie as vítimas nin a quen alza a voz. Ningún agresor sexual sen condena social. Se atacan a unha respondemos todas”, indicou Corral.

A intervención da CIG produciuse unha vez se abordou a elaboración da Guía de Indicios para empresas: Detección de vítimas de violencia de xénero, punto no que a central sindical manifestou a súa contrariedade por non ter en conta as aportacións do resto dos axentes sociais implicados na detección e actuación contra a violencia machista no marco dos centros de traballo. “Sobre todo cando se ten consensuado un protocolo marco de actuación no Consello Galego de Relacións Laborais ao que nin tan sequera se fai alusión na guía”.

O pleno informou tamén sobre o grao de elaboración do protocolo para a atención de mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero e da execución do plan galego contra a trata de seres humanos e do informe sobre violencias sexuais en Galiza.

Tanto dende a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero como da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, interviñeron tanto o Director para achegar información sobre unha serie de documentos e informes relativos á situación e atención das vítimas de violencia de xénero.

Xestión pública dos centros de crise 24 horas

A CIG, como representante das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, tomou a palabra noutros puntos da orde do día para solicitar información, entre outros asuntos, sobre a situación do persoal que atende os cinco centros de crise 24 horas postos en marcha en Galiza (en instalacións hospitalarias de Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo, e no antigo PAC de Ourense) ao abeiro do plan de recuperación e resiliencia.

A central demandou que os centros sexan de carácter público, tanto no que respecta á xestión como á contratación do persoal e fixo fincapé en que unha atención 24 horas ao día e 365 días ao ano prestada por unha asesora xurídica, tres psicólogas, dúas traballadoras sociais e unha auxiliar administrativa por centro “non pode garantirse cun servizo precarizado, en mans de empresas multiservizos, senón cun equipo amplo de persoas que poidan coordinarse co resto de profesionais que interveñen en violencia de xénero”. Polo que solicitou que a Administración vele pola calidade asistencial do servizo e garanta unhas condicións de traballo dignas para o seu persoal.

Desde a Xunta manifestaron que se optou por un modelo híbrido de servizo, non totalmente externalizado, optando por realizar un contrato administrativo para garantir poder poñer en marcha os centros con persoal especializado cunha celeridade que non podería cubrirse no caso de facelo con persoal propio do Sergas. “Aseguraron que para a contratación do persoal se esixiron uns requisitos de experiencia e formación, engadindo que a coordinación se realiza por parte da Administración e que o servizo se presta en instalacións públicas, baixo un marco de actuación propio elaborado pola Administración, sen descartar no futuro optar por outra fórmula máis estábel, dado que os centros funcionan dende o pasado 22 de decembro”.