A CIG esixe que se depuren responsabilidades polo caso das escoitas do BBVA

A sección sindical reclama ceses e actuacións inmediatas do Goberno e dos organismos reguladores
Nacional - 21 Xan 2019

A sección sindical da CIG no BBVA esixe que se depuren responsabilidades polo escándalo das escoitas a políticos/as e empresarios/as supostamente encargadas pola dirección do banco ao ex comisario José Manuel Villarejo no marco da loita aberta polo control da entidade. Dende a central reclaman os ceses oportunos e unha actuación inmediata do Goberno e dos organismos reguladores.

Dende a representación da CIG aseguran que até o de agora mantiveron “a máxima cautela” e non se pronunciaron “por responsabilidade” sobre o que está a acontecer a pesar da gravidade dos feitos. “Se rachamos agora esta cautela é despois de que a alta dirección do banco se dirixise ao cadro de persoal mediante un escrito que non compartimos”, indican.  

A única investigación válida será a que fagan a xustiza, as forzas de seguridade, e o Goberno

Sosteñen que a única investigación válida será a que poidan levar a cabo a xustiza, as forzas de seguridade do Estado, os organismos reguladores e o Goberno, “malia que dado o tempo transcorrido será moi difícil”. En todo caso, instan o Goberno e os organismos reguladores a actuar coa máxima “contundencia e axilidade”.

Ao mesmo tempo, consideran que “de xeito cautelar” deben cesar no seu posto todas e cada unha das persoas que tiveron responsabilidade na alta dirección do BBVA durante os anos nos que supostamente se adoptaron medidas “que responsábeis políticos cualifican de mafiosas”.

Dúbidas sobre a entidade

Neste senso, entenden que é necesario eliminar de raíz calquera dúbida ou sospeita que afecte á confianza no banco, “xa que a estabilidade da empresa e os postos de traballo están moi por enriba de intereses persoais e personalistas”. No comunicado feito público pola sección sindical sinálase que, segundo a prensa, cando estoupou o caso Villarejo a dirección blindou a entidade ante calquera reclamación. “De ser certa esa blindaxe deben de explicar porque daquela se tomou esa decisión, cando aínda nada apuntaba ao BBVA”.

Finalmente, lembran que naquela altura a CIG non formou parte da campaña, “tamén mediática, posta en marcha para salvar determinadas poltronas e privilexios; ese non é ao noso entender o papel dos sindicatos, pero alá cada quen”.