A CIG esixe que se dote con roupa de inverno ao persoal do servizo contra incendios

A Xunta leva máis de 10 anos sen renovar o vestiario de traballo
Nacional - 07 Xan 2020

O sector de Autonómica da CIG-Administración reclámalle á Xunta que dote o persoal so Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de roupa de inverno, xa que a Administración autonómica leva máis de 10 anos sen renovar o vestiario de traballo.

Dende a CIG-Autonómica lembran que a última entrega de roupa remóntase a tempos do bipartito, “cando se equipara o persoal de campo con chaqueta (chuvasqueiro e forro polar) e pantalón de alta calidade (tanto na impermeabilización como na transpiración das prendas)”. 

Andamos ao aire libre sexa cal sexa a estación do ano e sexan cales sexan as condicións climatolóxicas

Denuncian que máis de 10 anos despois “a choiva e o frío nas épocas de outono e inverno seguen a ser as mesmas, o único que cambiou é que o persoal do SPIF que entrou nestes últimos 10 anos non dispón da roupa, e a existente sufriu o inexorábel paso do tempo”.

Fan fincapé en que se trata dun servizo considerado periférico, e que contan cun plus de penosidade. “Estes factores, recoñecidos pola propia empresa, demostran que andamos ao aire libre sexa cal sexa a estación do ano e sexan cales sexan as condicións climatolóxicas”.

Servizo de emerxencias

Ao mesmo tempo, inciden en que dende o ano 2015, coa entrada en vigor da nova lei de Protección Civil, o SPIF é un servizo de emerxencias a todos os efectos. Tamén dende o 2016 o persoal de extinción posúe a categoría profesional 5932 bombeiro/a forestal, sendo o apoio a continxencias no medio natural e rural unha das funcións encomendadas a este colectivo.

“Falamos logo de actuacións en nevaradas, inundacións e mesmo en temporais como os que estamos pasando estes días; por iso é inconcibíbel que para estas tarefas -por máis que dende a dirección xeral de Defensa do Monte non queiran activar o que a propia lei marca- non se equipe ao persoal cos materiais básicos necesarios para poder desenvolver coa maior profesionalidade as tarefas que por lei se nos encomendan”.