A CIG exixe que se investigue e sancione os responsábeis da masacre acontecida na fronteira de Melilla
A CIG esixe unha investigación por parte das institucións internacionais de dereitos humanos para depurar as responsabilidades oportunas e aplicar as sancións que correspondan pola masacre acontecida na fronteira de Melilla o pasado día 24. Dende a central sindical chaman a participar nas mobilizacións convocadas polo Foro Galego de Inmigración e SOS Racismo este venres 1 de xullo en varias localidades do país para denunciar a morte de cando menos 37 persoas a mans das forzas represivas marroquís.
En plena euforia e propaganda polo cumio da OTAN que se celebra estes días en Madrid, coas previas manifestacións e contracimeiras como a que terá lugar mañá na Coruña ante a Delegación do Goberno en Galiza, o imperialismo mostra, unha vez máis, a súa verdadeira faciana.
En plena euforia e propaganda polo cumio da OTAN que se celebra estes días en Madrid, o imperialismo mostra, unha vez máis, a súa verdadeira faciana
As imaxes que nos chegaron a través das redes sociais (os medios televisivos non se prodigaron moito), da barbarie que se levou a cabo o pasado día 24, nas fronteira de Melilla e Nador, son un verdadeiro crime polo que os responsábeis deben ser xulgados por un tribunal internacional (nin a xustiza española nin, por suposto, a marroquí, son garante de que quen cometeu ou mandou cometer semellantes atrocidades pague por elo), e se faga xustiza pola morte de 37 persoas e máis de 100 feridas.
Dende a Unión Africana, que xa solicitou unha investigación inmediata do suceso, consideran que a cifra de vítimas pode ser bastante maior, e que os apresurados enterramentos, sen sequera poderlles facer a autopsia ás vítimas, tratan de ocultar a verdadeira dimensión destes asasinatos.
En realidade, o mencionado cumio da OTAN e este tipo de acontecementos gardan unha estreita relación. A Unión Europea e os estados que a compoñen está subordinada, no plano económico, aos intereses do grande capital, e na súa estratexia xeopolítica aos do imperialismo colonial, opresor e belicista dos EEUU e das potencias occidentais, das que a OTAN é o seu principal garante e instrumento.
As mesmas potencias coloniais que durante séculos veñen saqueando as riquezas e recursos de moitos países de África, que pasaron de utilizar á súa xente como escravos/as a promover as guerras nos seus territorios, causando milleiros de mortes, ben polas armas, ben polas consecuencias da miseria, a fame e as enfermidades; esas mesmas potencias que recortan salarios e degradan as condicións de vida das súas maiorías sociais, que aplican todo tipo de medidas represivas contra calquera asomo de resistencia ou crítica, ou que, cando lle foi necesario, botaron man desa xente migrante para desenvolver os peores traballos con salarios de miseria.
Solidariedade coas vítimas e coas súas familias
Esas mesmas potencias e os seus acólitos, poñen muros para quen, froito da desesperación, busca outras alternativas en occidente, ata provocar a súa morte en cifras escandalosas, enchendo os mares de cadáveres de todas as idades, en busca dunha vida mellor ou, como neste caso, exercendo o terrorismo de estado, a través das súas forzas represivas, policiais ou militares, con un tinte totalmente racista, pois, mentres se fai un chamamento a acoller á xente que fuxe de Ucraína, que non ten problema ningún para a súa “regularización”, a xente coa pel moura vese rexeitada, tanto fóra, como dentro das fronteiras de occidente.
Desde a CIG manifestamos toda a nosa solidariedade coas vítimas, coas súas familias e coas clases populares dos seus países, que padecen este imperialismo neocolonial. Sumámonos ás peticións que fan tanto a Unión Africana como outras organizacións de Dereitos Humanos (a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) tamén), dunha inmediata investigación e asunción de responsabilidades, tanto por parte de Marrocos, como do Goberno de España.
Ese Goberno “progresista liberal”, co seu presidente, Pedro Sánchez, á cabeza, que no seu afán de facer méritos diante da propia OTAN e dos EEUU e de defender os tradicionais intereses que as cúpulas do PSOE sempre tiveron en Marrocos, cometeu a desfachatez de eloxiar e agradecer publicamente a Marrocos a súa criminal actuación, cualificando a situación como “ben resolta”, sen sequera unha mención de respecto e sentir pola vítimas.
As decisións que vén tomando este Goberno en política exterior, coa determinación do seu presidente e o silencio e consentimento cómplice dos seus socios de goberno (fieis seguidores deste novo “imperialismo progre” de Europa), non só se veñen afastando do tradicional senso solidario e de xustiza social da esquerda, senón que están enmarcadas nunha escalada ao máis puro estilo colonial, represivo, belicista, e até fascista. A decisión de abandonar á súa sorte ao pobo do Sáhara Occidental foi o síntoma máis evidente desta deriva.
A clase traballadora do mundo non está dividida por fronteiras, cor, relixión, xénero ou raza. Únenos a loita común contra a pobreza, o desemprego e o desarraigo, a inxustiza e a opresión dos nosos pobos. A loita común contra este sistema neoliberal que só xera desigualdade, miseria, guerra e morte. Por iso, desde a CIG defenderemos sempre os intereses e dereitos da nosa clase, sexa do país, ou sexa migrante.
Ningún ser humano é ilegal!
Non ás políticas migratorias da Unión Europea e das potencias occidentais!
Non ás guerras imperialistas!
Convocatorias para denunciar a masacre de Melilla
*Venres 1 de xullo:
-Santiago: Praza de Cervantes, 20:00 horas.
-A Coruña: Praza das Conchiñas, 19:30 horas.
-Vigo: Praza do Emigrante, 19:30 horas.
-Pontevedra: Praza da Peregrina, 20:00 horas.
-Lugo: Praza Maior, 19:30 horas.
-Ourense: Praza Maior, 20:00 horas.
*Sábado 2 de xullo:
-Ferrol, Praza de Armas, 20:00 horas.