A CIG esixe que se investiguen as causas do accidente na refinería e se depuren responsabilidades

A central traslada todo o apoio e solidariedade ás familias dos traballadores e avanza que se personará na causa
A Coruña - 29 Mar 2022

A CIG vaise personar na causa penal que se abra para investigar o accidente ocorrido o pasado sábado na refinería de Repsol, que causou a morte dun traballador e deixou ferido a outro, e reclama que se depuren todas as responsabilidades por estes feitos.

A central quere trasladar todo o seu pesar e solidariedade ás familias do traballador falecido e traballador do ferido e ponse a súa disposición para o que precisen.

Por desgraza, este non é o primeiro sinistro mortal que se rexistra no complexo de Repsol na Coruña polo que, unha vez máis, a CIG esixe que se fagan as investigacións oportunas para esclarecer as causas deste gravísimo accidente e depurar todas as responsabilidades.

A CIG condena que se sigan producindo este tipo de accidentes laborais na refinería, que ocorren con máis frecuencia durante as paradas de mantemento e a traballadoras e traballadores das industrias auxiliares, dos que Repsol, ademais, pretende desentenderse.

Neste senso, a CIG adianta que chegará até onde sexa necesario para que se aclaren as razóns do accidente e que o proceso de investigación aberto non quede a medias, como ten ocorrido en ocasións anteriores, nas que baixo o parapeto da comisión de investigación se eludiu actuar sobre as responsabilidades últimas e despois a propia Inspección de Traballo constatou deficiencias en materia de prevención, levantando acta de sanción contra Repsol.

Concentración na refinería

Traballadores e traballadoras do complexo de Repsol, tanto das auxiliares como da principal, concentráronse a primeira hora da tarde deste martes diante da refinería para expresar a solidariedade coa familia do compañeiro falecido e co traballador ferido e amosar a súa repulsa ante este gravísimo accidente.

Neste senso, o delegado da sección sindical da CIG en Repsol, Venturas Agis, pedía investigar a fondo os feitos na comisión aberta a tal efecto, depurar as responsabilidades e tomar as medidas precisas "porque non pode haber máis mortes en Repsol". Reivindicou que desa comisión "queden en claro cales son as medidas preventivas que a empresa ten que dispor para que non volva acontecer isto".

Denunciou a precariedade laboral que implica o proceso de subcontratación dos traballos non só a nivel salarial, senón que mesmo se pretenda aforrar custes en materia de formación. Na mesma liña, Ismael, voceiro da CIG nunha das contratas de Repsol, advertiu das presións e condicións nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo nuns prazos tan curtos de tempo como os dunha parada de mantemento.

Reclamou que se faga unha investigación transparente e se depuren responsabilidades e, sobre todo, que se revisen e melloren as medidas de evacuación e alarma para o seu óptimo funcionamento e garantir así a seguridade e a saúde dos traballadores e das traballadoras.