A CIG esixe que se recoñeza como accidente de traballo o contaxio por Covid-19 do persoal de axuda no fogar
A CIG esixe que se recoñeza como accidente de traballo o contaxio por Covid-19 do persoal dos servizos de axuda no fogar, polo que reclama a modificación do real decreto lei correspondente, que si inclúe os traballadores/as dos centros sanitarios e sociosanitarios.
Dende a central sinalan que o real decreto lei 27/2020, do 4 de agosto, de medidas financeiras, de carácter extraordinario e urxente, aplicable ás entidades locais, estende o recoñecemento como accidente laboral de contaxio por coronavirus aos traballadores/as de centros sanitarios ou sociosanitarios, pero non a técnicos/as coidados de persoas dependentes no fogar.
As Administracións teñen que adoptar as medidas preventivas adecuadas nos propios domicilios, que son os centros de traballo deste persoal
Pedro Pérez, responsábel de Organización da CIG-Sevizos, indica que “xa manifestaramos a nosa oposición ao artigo 9 do real decreto Lei 19/2020, do 26 de maio, por non incluír o persoal dos servizos de axuda no fogar, de igual xeito que inclúen o persoal dos centros sanitarios ou sociosanitarios, xa que este persoal está igualmente exposto as infeccións do virus SARS-CoV2 que os traballadores/as destes centros, ademais de ser un continxente de exposición e de extensión do virus, por estar traballando con persoas especialmente vulnerables con importante risco de contaxio no seu propio domicilio, onde son visitadas por familiares, amizades, etc”.
Ao mesmo tempo, critica que agora, con este novo real decreto 27/2020, lonxe de corrixir esta importante eiva, o que fan é ignorar novamente ao persoal de axuda no fogar, “invisibilizándoo ao non ter en conta o seu traballo, considerado un servizo esencial, cargado con todas as responsabilidades e sen ningún dereito”.
A disposición adicional oitava deste real decreto di:
<<Prórroga do artigo 9 do real decreto lei 19/2020, do 26 de maio, polo que se adoptan medidas complementarias en materia agrícola, científica, económica, de emprego e Seguridade Social e en materia tributaria para paliar os efectos da Covid-19>>.
<<A consideración como continxencia profesional derivada dun accidente de traballo das enfermidades que sofre o persoal que preste servizo en centros sanitarios ou sociosanitarios como consecuencia do contaxio do virus SARS-CoV2, aplicarase ás infeccións do virus SARS-CoV2 producidas dende o 1 de agosto de 2020 até que as autoridades sanitarias levanten todas as medidas de prevención adoptadas para facer fronte á crise sanitaria provocada por Covid-19, demostrando o contaxio a través do correspondente parte de accidente de traballo que debeu ser emitido no mesmo prazo de referencia>>.
Por iso dende a CIG insisten en reclamar que o persoal dos servizos de axuda no fogar sexa considerado un grupo de risco. “As Administracións teñen que adoptar as medidas preventivas adecuadas nos propios domicilios, que son os centros de traballo deste persoal, obrigando a toda a unidade familiar a manter a distancia física de seguridade e a usar máscara mentres os traballadores/as prestan servizo nos fogares”.
Finalmente, esíxenlle ao Goberno español que modifique o real decreto para incluír ao persoal de axuda no fogar, tendo a consideración como continxencia profesional dun accidente de traballo das enfermidades derivadas do contaxio do virus SARS-CoV2, “por ser un grupo vulnerable, imprescindible e esencial que ten que ter os mesmos dereitos que o persoal dos centros sanitarios e sociosanitarios”.