O feminismo galego desborda as rúas do país nunha xornada histórica de folga de mulleres

A CIG esixe unha resposta contundente, inmediata e eficaz dos gobernos fronte ao machismo
Nacional - 08 Mar 2019

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, cualificou este 8 de Marzo dunha “xornada histórica aínda maior que a do ano pasado” mais advertiu que “non pode quedar en saco roto”, esixindo que “dunha vez por todas os gobernos deben acometer reformas legais e sociais dirixidas a rematar, dunha vez por todas, co machismo que está tan arraigado nas institucións".

Advirte que  non abonda con parches oportunistas como o RD de medidas urxentes para garantir a igualdade de trato e oportunidades no emprego e na ocupación "publicado ás vésperas do 8 de marzo (cando o Goberno de PSOE tivo 9 meses para parilo e que non veu acompañado das tan ansiadas derrogacións das reformas laborais, de pensións ou da LOMCE, nin tampouco de medidas dirixidas a aumentar a duración da prestación por maternidade estancada en 16 semanas desde hai décadas)".

Tampouco chega coas mensaxes de apoio á nosa loita "que mesmo desde as filas da dereita promoven arredor dos 8 de marzo, cando o resto do ano apoian medidas dirixidas a recortar os nosos dereitos fundamentais. "Queremos garantías, estamos fartas de promesas, fartas de hipocrisías, de conmemoracións baleiras de contido, o poder ten que tomar nota de que as mulleres non imos permitir ningún retroceso nos nosos dereitos, queremos xustiza".

Manifestacións da Asemblea Galegas8m

No remate das históricas mobilizacións convocadas polo feminismo galego esta xornada, Margarida Corral salientou que “entre os moitos acertos da Asemblea Galegas8M hai que subliñar a descentralización das xuntanzas, que fixo que todos os colectivos feministas do país puideramos participar nalgún momento nos encontros preparatorios tanto da mobilización nacional do pasado día 3, como para impulsar as mobilizacións locais da xornada do día 8, promovendo este ano máis do dobre de mobilizacións ca o ano pasado, mesmo en vilas e pobos pequenos".

Isto facilita, explica, que as mulleres que viven máis afastadas das cidades poidan debater durante semanas sobre a problemática específica que temos as mulleres, achegalas ao movemento feminista, e ao tempo, garantir que poidan acudir ás mobilizacións convocadas para o día 8 de marzo e participar no día de loita. “O resultado destes meses de traballo témolos na rotunda resposta que vén de dar o feminismo galego nas rúas da Galiza, nas máis de medio cento de mobilizacións convocadas dalgún ou doutro xeito baixo o paraugas de Galegas8m, superando mesmo as expectativas que tiñamos depositadas tras o éxito do pasado ano”.

Desde a Secretaría das Mulleres incidiron en que os gobernos non poden ignorar o chamamento que lle vén de facer o movemento feminista na súa diversidade. “A pesar das dificultades que supuxo poñer en marcha unha convocatoria de folga só de mulleres de 24 horas, onde tivemos que facer fronte a uns servizos mínimos completamente abusivos e á convocatorias doutras centrais sindicais españolas que facían un chamado á folga laboral dos homes, a paros parciais nos que tamén eles eran os protagonistas (chegando ao insulto e ao esperpento de que as valoracións sobre a xornada do 8M fixéronas os homes de CCOO e UGT). O certo é que o intenso traballo das mulleres durante estes meses, tanto por parte do feminismo de clase como do resto de colectivos e mulleres organizadas en Galegas8m, fixeron posíbel que as mulleres pararan durante a xornada, participaran en piquetes informativos chamando á folga e ás mobilizacións, e ao tempo puxéramos no foco da atención as discriminacións e as violencias que sufrimos desde crianzas polo mero feito de sermos mulleres, até a vellez, e a necesidade dun apoio real e firme por parte das institucións á problemática dos coidados que estamos a resolver e paliar co suor e a vida de moitas mulleres".

O que vimos de facer hoxe nas rúas do país forma parte dun movemento mundial. Hoxe, tal e como fixeron as nosas antergas hai máis dun século, unímonos na loita común, ocupamos todo o espazo público que normalmente nos está vetado no marco dun paro internacional que está a reunir a millóns de mulleres en moitos países do mundo.

Posta en valor do traballo das mulleres da CIG

Corral puxo ademais en valor o traballo desenvolvido polas compañeiras da CIG, non só ás delegadas que convocaron multitude de asembleas nos seus centros de traballo e participaron en repartos durante meses, senón das propias afiliadas que contribuíron a espallar a convocatoria de folga laboral e ao tempo a divulgar ás convocatorias de concentracións e mobilizacións, tanto as impulsadas polas mulleres da CIG durante a xornada de folga, como reforzando coa nosa participación as xuntanzas, actos e mobilizacións convocadas por Galegas8m.

"Non foi un traballo doado, xa que tiveron que facer un verdadeiro labor pedagóxico para explicar os catro eixos da folga (o laboral, o estudantil, o de coidados, e o de consumo), ou por que os homes que se consideran aliados na loita contra o patriarcado debían quedar nos seus postos de traballo, mais estes debates serviron para levar a denuncia da situación de discriminación que sufrimos as mulleres a todos os centros de traballo sen excepción, o cal xa é de por si un éxito", valora Corral.

A Secretaría das Mulleres é a día de hoxe a ferramenta sindical que dispoñen as mulleres da CIG para debater sobre as propostas que o feminismo de clase ten para denunciar a situación de desigualdade e o machismo que sofren as traballadoras da Galiza.

"Cada día son máis as compañeiras que participan activamente non só na CIG, senón nos colectivos e organizacións feministas, artellando propostas, colaborando man a man con outras mulleres do país. Para nós é fundamental  poder partillar espazos con outras compañeiras, facerlles ver que baixo a imaxe estereotipada que teñen das organizacións mixtas, hai moitas mulleres que estamos a impulsar cambios nas nosas organizacións, incorporando o feminismo como un eixo transversal no noso traballo, e ao tempo, sendo parte activa do movemento feminista galego".

Milleiros nas manifestacións da tarde

A xornada deste 8 de Marzo rematou con multitudinarias manifestacións en toda Galiza convocadas polo movemento feminista galego, a última hora da tarde, "que se as sumamos ás convocadas pola mañá polas mulleres da nosa central sindical supoñen un peche histórico a un día de loita,  logo de tantos anos de ser utilizado como mera conmemoración, o 8 de marzo, por fin, comeza a beber das súas orixes e a retomar o seu carácter revolucionario. Que o poder tome nota das nosas esixencias. Comeza a conta atrás. Nesta ocasión non imos permitir que vaian de farol. Se nós paramos o mundo para. Que o teñan en conta".