A CIG esixe unha transición xusta no sector dos carburantes e biocarburantes

A central solicita un plan de actuación e que se constitúa unha mesa de traballo para abordar as medidas necesarias
A Coruña - 02 Xul 2021

A CIG realizou unha concentración este venres diante da Delegación do Goberno na Coruña para esixir unha transición enerxética galega xusta no sector dos carburantes e biocarburantes e que garanta, no marco do proceso de descarbonización da economía, a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados.

Na concentración, na que participaron delegados e delegadas da CIG da refinería de Repsol da Coruña, da planta de Vertex Bioenergy de Curtis e da planta de Masol Iberia Biodiésel de Ferrol, rexistrouse un escrito dirixido á ministra Teresa Ribera solicitando do MITECO que elabore un plan de actuación encamiñado a fixar as bases dunha transición xusta no sector, sempre respectando as competencias autonómicas.

O secretario xeral da CIG chamou a atención sobre a inexistencia de políticas, tanto por parte do goberno español como da Xunta de Galiza, para dar continuidade aos postos de traballo neste sector e garantir a reindustrialización. "Fan falta políticas públicas máis ca nunca para pilotar este proceso, non pode ser que sexan os consellos de administración das empresas os que o definan", aseverou. Nesta liña, Carril amosouse moi crítico co goberno de Feixoo, ao que acusa "dunha inacción permanente" en materia de industria, aínda cando a Xunta ten plenas competencias nesta materia.

Transformación das refinerías e biocombustíbeis de 2ª xeración

No relativo ao plan de actuación que se demanda, este debe contar coa participación das centrais sindicais máis representativas e doutros axentes implicados e ten que contemplar medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Xunto a isto, que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado, que non garantan a continuidade do emprego.

O sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, estando en risco  moitos  empregos directos e indirectos,  así como o peso industrial que a día de hoxe ten este sector, como evidencia o ERTE formulado por Repsol para a refinería da Coruña.

Evitar o que está a acontecer nas Pontes ou Meirama

Por iso, Carril reclamou este plan de transición se aprobe no prazo máximo de tres meses desde a aprobación da Lei de Cambio Climático e de xeito paralelo que se constitúa unha mesa de traballo na que abordar os cambios a acometer no sector de maneira "que a reconversión non sexa unha demolición e evitar repetir o que está acontecendo nas Pontes ou Meirama ou noutros sectores industrias do noso país, onde se impulsan cambios de modelo enerxético sen formular alternativas".

Desde o comezo dos trámites para a aprobación da Lei de Cambio Climático e do Plan Nacional Integral de Enerxía e Clima 2021 -2030 (PNIEC), a CIG ten formulado, a través de propostas, alegacións e consideracións, como se debera afrontar este proceso ante o seu forte impacto para o emprego, a industria e os territorios afectados. "Porén, a día de hoxe, todos os datos que temos evidencian a falta de solucións e medidas para este sector", advirte.

Esta falta de políticas públicas permite que sexan as empresas as que dirixan este proceso de transición en función dos seus intereses, sen asumir ningún tipo de responsabilidade e sen importarlle a destrución de emprego. “A fabricación de combustíbeis ten que ser superada pero non a costa de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de postos de traballo e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial", concluíu Carril.