A CIG esíxelle a Endesa información clara e concreta sobre o futuro da central térmica das Pontes

Anima a secundar a concentración permanente convocada para este xoves diante da térmica
As Pontes - 27 Nov 2019

A CIG rexeita a actitude mantida até agora pola dirección de Endesa que, malia a transcendencia que a actividade produtiva da central térmica ten para o conxunto da economía das Pontes, segue sen informar nin explicar de primeira man que plans ten para estas instalacións. Hoxe mesmo, a empresa comunicaba a súa intención de pechar definitivamente as centrais de carbón para 2021 e facíao, como vén sendo habitual, a través dos medios de comunicación e sen interlocución previa nin coa mesa creada no ministerio, nin co comité de crise nin coa representación sindical.

Na presentación do plan estratéxico, a empresa fixo tamén unha valoración pública das probas realizadas na central das Pontes con combustíbeis alternativos, asegurando que non son viábeis nin ambiental nin tecnicamente, cando está pendente aínda de celebrarse a segunda reunión no Ministerio para a Transición Ecolóxica. A este respecto, a CIG demanda ao Ministerio axilidade na convocatoria desta xuntanza "demorada sen explicación e que xa se debería ter realizado hai un mes".

"Fica claro que a empresa non ten intención de continuar co carbón, polo que é imprescindíbel a constitución inmediata da mesa de traballo para tratar o futuro das Pontes, buscar alternativas, meternos nos planos de reindustrilización e poder planificar un proceso de transición enerxética xusto e ordenado", reclama Alberte Amado, representante da CIG no comité de crise.

Nesta liña, Amado demanda da Xunta de Galiza un posicionamento firme e construtivo na defensa da comarca e que deixe de reivindicar propostas que Endesa non quere. "A empresa non vai continuar co carbón, polo que non ten xeito enrocarse nesa demanda sen saída, hai que avanzar na busca doutros proxectos e hai que esixirlle á empresa compromisos e alternativas", salienta. Máxime cando leva 40 anos tirando millonarios beneficios a conta de explotar os nosos recursos e que Endesa (propiedade nun 70% da italiana Enel) acaba de anunciar un reparto de 5.970 millóns de euros en dividendos entre os seus accionistas para o período 2019-2022.

A reunión coas auxiliares, adiada unha semana máis

Todas estas informacións chegaban xusto despois de que a dirección territorial noroeste adiara unha semana máis a reunión co persoal das auxiliares (prevista para este xoves día 28) para abordar o futuro dos empregos, xa que non existen garantías de traballo despois de decembro. "O comportamento de Endesa é unha mostra máis da falta de respecto e do menosprezo da empresa non só coas organizacións sindicais, senón con todo o pobo das Pontes", denuncia Amado.

Así as cousas, o persoal das auxiliares continuaba hoxe coas protestas semanais diante da central térmica e o comité de crise xa anunciou a convocatoria dunha concentración permanente no acceso ás instalacións para este xoves, 28 de novembro, dende ás 06:45 horas até ás 19:00 horas.

Ademais, a CIG anima a participar tamén na manifestación comarcal que a central nacionalista, CCOO e UGT teñen convocada para mañá, ás 20h, dende a Praza de España de Ferrol en demanda de políticas de reindustrialización.