• Nova

A CIG esíxelle a Plastic Omnium e a CCOO que depuren responsabilidades polo acoso a unha traballadora

A empresa e o ex encargado acusado recoñeceron o delito e indemnizaron a vítima
Vigo - 07 Abr 2022

Responsábeis da Unión Comarcal da CIG de Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa para esixirlle á dirección de Plastic Omnium de Redondela e a CCOO que depuren as responsabilidades oportunas tras o acoso laboral por razón de xénero que padeceu unha traballadora desta empresa do sector da automoción. Tanto a compañía como o ex encargado acusado, que contou cunha avogada do sindicato estatal, recoñeceron o delito a accederon a indemnizar a afectada polos danos e prexuízos derivados do proceso.

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, explicou que o vivido por esta compañeira é un “exemplo durísimo” das violencias machistas que seguen a aturar as traballadoras en pleno século XXI. “Comentarios machistas, humillacións, faltas de respecto, persecución e control constante, imposición de tarefas inasumíbeis e unha carga de traballo desproporcionada; en definitiva, un exemplo de manual do acoso machista no ámbito laboral”, detallou. 

As persoas que culparon a vítima seguen sendo as cabezas visíbeis de CCOO e manteñen un sistema pseudo caciquil na empresa, vendendo favores e contratos a cambio de afiliación e defendendo a delincuentes e senvergoñas

A pesar disto a empresa actuou cunha “total falta de protección” cara a afectada, mentres que a actitude de CCOO foi “totalmente reaccionaria e condenábel”, segundo sinalou a técnica de Igualdade da CIG e secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño. Neste senso, quixo deixar moi claro que a central sindical non vai admitir que as persoas responsábeis de non ter dado unha resposta “rápida e contundente” a esta situación “fiquen como se nada”.

De feito, denunciou que a día de hoxe, a pesar do acordo extraxudicial no que se asumen responsabilidades e se recoñece o delito, a traballadora “continúa sendo apuntada co dedo e sentenciada con todo tipo de comentarios”. Ademais, lamentou que a compañía siga sen poñer en marcha medidas reais que garantan que este tipo de cousas non se volvan producir e que calquera empregada acosada non teña que pasar polo que pasou a afectada. “As mesmas persoas que obstaculizaron a tramitación da denuncia seguen ao cargo da empresa e xestionando persoas”, censurou.

Por un ambiente de traballo seguro

Ao mesmo tempo, os delegados/as sindicais que culparon a vítima seguen sendo as cabezas visíbeis de CCOO, “as mesmas persoas que manteñen un sistema pseudo caciquil dentro da empresa, vendendo favores e contratos a cambio de afiliación e defendendo a delincuentes e senvergoñas”, tal e como indicou a secretaria da sección sindical da CIG en Plastic Omnium, María Xosé García.

Neste punto, Gonçalves cualificou de “inaceptábel” que organizacións sindicais que se din feministas non teñan problema en que unha das súas letradas asuma a defensa de quen acosou “de maneira abusiva e degradante” a unha traballadora. “Non hai xustificación, nin escusa para esta complicidade, e retrata as incoherencias dun determinado modelo sindical que felizmente está en retroceso e que cada vez conta con menos apoio da clase traballadora galega”.

Diante disto, os responsábeis sindicais esixiron a inmediata adopción de “medidas drásticas” que rematen con un ambiente laboral que é un “caldo de cultivo” para que situacións como a que padeceu esta traballadora se volvan producir. “Non pararemos de denunciar até que na nosa empresa se garanta un ambiente de traballo seguro para todas e todos, con tolerancia cero contra o acoso e contra calquera tipo de actitude machista e discriminatoria; queremos que se depuren responsabilidades e que haxa cambios para poder traballar seguras”, rematou García.