A CIG esíxelle á UTE Atlántica que readmita a traballadora despedida e respecte o compromiso de mantemento do emprego

A central pide ao Concello da Coruña que interveña ante esta actuación da contrata da limpeza de contedores
A Coruña - 20 Xan 2021

A UTE Atlántica, que se encarga do servizo de limpeza, reposición e mantemento de contedores do Concello da Coruña, vén de despedir a unha traballadora da oficina, incumprindo deste xeito o imperativo de subrogación e mantemento dos postos de traballo acordado no cambio de contrata.

A CIG aclara que cando entrou a nova concesionaria o pasado mes de marzo, negociouse e acordouse a subrogación de todo o persoal e estableceuse un compromiso de manter os empregos e incluso incrementar o número de traballadores/as. "Pois ben, menos de un ano despois, xa foron despedidos dous traballadores (que finalmente saíron da empresa cun acordo) e agora atopámonos con este novo despedimento", denuncia o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.

Aínda que a empresa pretende xustificar a decisión en base a causas obxectivas, "a realidade é que non existen tales motivacións", asegura Filgueira quen advirte que a UTE incluso podería estar incorrendo nun enriquecemento indebido ao percibir o mesmo importe pola realización do servizo pero contando con menos persoal do estipulado.

Asemblea o venres para definir mobilizacións

Esta actuación empresarial tamén xera unha enorme preocupación entre o cadro de persoal que teme polo futuro dos seus empregos. Por iso, este próximo venres está convocada asemblea de traballadores e traballadoras para definir un calendario de mobilizacións e esixir a reincorporación da compañeira.

Así mesmo, a CIG vai solicitar unha reunión co Concello da Coruña para instar o Goberno local a que interveña de inmediato e obrigue a UTE a respectar o compromiso de subrogación e mantemento dos postos de traballo.