A CIG esíxelle á Xunta que informe o persoal sobre a situación no edificio da Consellería de Sanidade de Lugo

Parte do edificio ten a actividade paralizada por decisión da Inspección de Traballo

Lugo -

A CIG-Administración Autonómica considera inadmisíbel a falta de información ao persoal que presta os seus servizos no edificio da Consellería de Sanidade de Lugo (situado na rúa Montevideo), e que ten a actividade paralizada en determinados lugares por decisión da Inspección de Traballo a causa da presenza dun axente descoñecido que está afectando á saúde dos traballadores e traballadoras.

A decisión do peche temporal das dependencias foille comunicada ao persoal afectado pola medida "pero non a todos aqueles compañeiros e compañeiras que traballan no edificio e que a día de hoxe viven coa inseguridade de non saber a que fenómeno se enfrontan nos seus respectivos labores", subliña Delio López, responsábel comarcal do sector de Autonómica en Lugo.

Por este motivo, a CIG-Autonómica volveulle demandar á Xunta de Galiza que se reúna co persoal e que se informe de cales son os perigos aos que se están vendo expostos e expostas.  "É evidente e lóxica a preocupación do persoal cando observa que en determinadas zonas do edificio se paraliza a actividade, mentres ao resto do persoal non se lle dá ningunha información sobre a súa situación".

Desde a CIG reclámase a Xunta "seriedade nun tema tan importante" e incídese na necesidade de constituír o Comité de Seguridade e Saúde da Consellería de Sanidade que leva preto de catro anos sen configurarse e, polo tanto, sen celebrar ningunha xuntanza.

Volver