A CIG esíxelle á Xunta que lidere a transformación da automoción para garantir o futuro do sector

A federación de Industria presentou o documento actualizado de propostas para o seu desenvolvemento

Vigo -

A CIG esíxelle á Xunta que se poña á fronte do necesario proceso de transformación da automoción galega para adaptarse ás novas realidades económicas e laborais e garantir o futuro dun sector estratéxico para o noso país. A federación de Industria presentou hoxe o documento actualizado que recolle as propostas da central sindical para o seu desenvolvemento e para a mellora das condicións laborais dos seus cadros de persoal.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, e a responsábel da automoción da federación, María Xosé García, compareceron esta mañá en rolda de prensa para facer pública a actualización das propostas elaboradas en 2018 no marco da campaña en defensa do sector que inclúe mobilizacións, traslado de información aos centros de traballo e xuntanzas cos grupos parlamentares. Precisamente este luns retómase a rolda de contactos cos partidos con representación no Parlamento, comezando polo BNG.

Segundo explicaron os responsábeis sindicais, o obxectivo desta actualización das propostas é adaptalas á nova realidade económica e laboral derivada da pandemia da covid, que trouxo consigo unha intensificación dos procesos produtivos e da descarbonización da economía. Ademais, o actual proceso de transición enerxética está a aumentar as ameazas económicas, laborais e sociais para o conxunto das maiorías sociais.

Dende a central sindical ven con preocupación como este desenvolvemento tecnolóxico está a xerar polos de desenvolvemento moi localizados xeograficamente onde se concentra todo o investimento tecnolóxico e o rendemento económico derivado. “O noso país, inmerso nun proceso de perda do seu tecido industrial, está moi lonxe destes centros de investimento”.

Neste contexto, lamentan que non exista unha aposta decidida por parte da Administración nin das empresas para definir cal vai ser a saída para o sector, tendo en conta que na próxima década vai ser moi difícil homologar os coches diésel e nas cidades vaise prohibir a circulación dos vehículos contaminantes. “Por iso é fundamental que o sector aposte por automóbiles menos contaminantes e máis respectuosos co medio ambiente”.

Instrumento de publicidade

Ao mesmo tempo, instan a Xunta a facer públicas as axudas que lle está a dar ao sector para saber onde se está a investir e se eses cartos públicos son ben utilizados, ou se pola contra serven unicamente para cadrar a conta de resultados de determinadas empresas. “O Goberno galego non pode ser un simple instrumento de publicidade institucional, mostrando que ten unha intensa relación co cluster da automoción, cando a dura realidade é que ten un papel submiso e compórtase como un Goberno pusilánime ás ordes da dirección de Citroën”. 

A Xunta non pode ser un simple instrumento de publicidade institucional nin seguir comportándose como un Goberno pusilánime ás ordes da dirección de Citroën

Na CIG fan fincapé na necesidade de apostar polos vehículos híbridos e a gas, algo que xa está a dar en moitos países. “Pero aquí nin o Goberno español nin o galego semellan comprometidos con esta cuestión”. Tamén hai que garantir que os novos compoñentes para os coches eléctricos se fagan onde están as fábricas de vehículos. “Xa anunciaron unha megaplanta de baterías en Catalunya, pero a en Galiza tiñamos que contar cunha instalación deste tipo para non perder competitividade”.

Para isto é necesario que a Xunta active un plan orientado a atraer as plantas de fabricación de novos compoñentes para os coches eléctricos, como poden ser incluso os cargadores para as baterías. O actual problema derivado da escaseza de microchips amosa que a dependencia deste tipo de compoñentes non fai máis que frear o desenvolvemento da industria galega do automóbil. “Por iso cremos imprescindíbel contar cunha fábrica deste tipo a carón da planta que máis vehículos fabrica do Estado español”.

Política enerxética

A central sindical segue a demandar unha tarifa eléctrica para a automoción, así como un proxecto destinado ao almacenamento de hidróxeno, un combustíbel que vai estar moi presente no sector. Tamén é necesario un plan de mellora de infraestruturas e comunicacións de persoas e transporte de mercadorías que contribúa aos obxectivos xerais de redución de emisións contaminantes. E a reordenación da rede ferroviaria, portuaria e marítima para mellorar a mobilidade.

No que ten que ver coas empresas, considera esencial o rexuvenecemento dos cadros de persoal, polo que insta o Goberno central a realizar as modificacións oportunas para restablecer a xubilación parcial aos 60 ou aos 61 anos, tal e como existía antes da reforma laboral. Outra proposta da central sindical é que a formación profesional pública se adapte ás cuestións que abandeiran esta nova revolución industrial para dar unha saída profesional ás novas actividades e expectativas laborais que se van xerar nas empresas.

Esta modificación da reforma laboral tamén ten que incluír a necesidade dunha autorización administrativa para poder tramitar un ERTE, así como a esixencia de que a súa presentación ten que facerse tras o acordo cos comités de empresa.

En canto ás medidas sectoriais, a CIG segue a pular pola creación dunha mesa galega da automoción integrada polo cluster, as centrais sindicais e as tres universidades; polo impulso dun plan galego para a industria do automóbil con medidas de apoio a I+D+i; por non afondar na precariedade; por un marco galego de relacións laborais con plenas competencias; pola aplicación do convenio sectorial ou de empresa principal a todo o persoal do sector; ou pola limitación do teletraballo para que non se converta nunha ferramenta de precarización e de explotación laboral e de fomento da externalización e deslocalización de servizos das empresas principais.

Volver