A CIG esíxelle ao Goberno español e á Xunta que rectifiquen e non asuman o plan de peche de Alcoa

A central, ao igual que o persoal, demanda actuacións urxentes para garantir o futuro dos empregos e das fábricas
A Coruña - 10 Xan 2019

A reunión do período de consultas deste xoves serviu para confirmar que Alcoa só pensa no peche das fábricas da Coruña e Avilés e que a única alternativa do Goberno español é propor un peche "ordenado" das instalacións. O Goberno español e as Comunidades Autónomas asumen así o programa de desmantelamento e despedimentos das dúas factorías previsto por Alcoa dende que o pasado outubro anunciou o ERE. Diante desta claudicación das administracións, a CIG, de igual maneira que fan os traballadores/as, esíxelle ao Goberno español e á Xunta de Galiza que rectifiquen, non asuman a proposta de peche das fábricas e actúen de inmediato para garantir o futuro dos empregos e da actividade produtiva.

"A proposta que Alcoa fai á comisión negociadora é un plan de peche ordenado, é dicir, o que prevía dende o primeiro momento, porque hai que ter en conta que unhas instalacións deste tipo non se desmontan dun día para outro", advirte Julio Moskowich, delegado da CIG en Alcoa.

Para a CIG resulta especialmente grave que o Ministerio de Industria non informara desta proposta á representación dos traballadores e traballadoras durante o encontro que tivo lugar o martes pola tarde, cando unha e outra vez a Administración repetiu que o obxectivo era evitar o peche das fábricas.

"Un día despois o persoal ten coñecemento polos medios de comunicación de que o Goberno español asumiu os postulados da empresa propóndolle a multinacional un plan para desmantelar as fábricas en seis meses, sen que nin a Xunta nin o Principado de Asturias se opoñan, e co agravante de que os traballadores/as non foron informados, non houbo interlocución, nin foron convocados novamente polo Ministerio", denuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen está participando nas reunións do período de consultas.

"Está claro que esta proposta vai na liña contraria a evitar o peche e a garantir os empregos e a actividade produtiva nas fábricas. Que chamen alternativa a esa proposición parécenos un insulto", subliña. A este respecto, Carril apunta que a ‘alternativa’ do Goberno é contraria ás súas propias medidas neste conflito, xa que, polos prazos que se manexan, Alcoa poderíase beneficiar das axudas recollidas no Real Decreto 20/2018 de medidas para a industria electrointensiva, aínda que unha das condicións recollida nese decreto é manter os postos de traballo e a actividade. "É dicir, ademais de avalar o plan de Alcoa, poderíase estar financiando con cartos públicos o peche das fábricas da Coruña e Avilés", alerta.

Ante a gravidade da situación, a CIG acusa tamén á Xunta de pórse de perfil e tentar responsabilizar en exclusiva ao Goberno español, "cando o Goberno galego dá por válido ese plan de peche aprazado e actúa tarde e a rebufo de Madrid".

Así as cousas, a CIG reclámalle a ambos Gobernos que mudan a súa posición favorábel ás pretensións de Alcoa e tomen medidas urxentes e eficaces para garantir o futuro dos empregos e das fábricas.

Manifestación o domingo 13 de xaneiro

De igual xeito, a central sindical fai un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo, 13 de xaneiro, con saída ás 12 horas da Praza da Palloza en contra do peche de Alcoa e para esixir solucións para a industria electrointensiva.