A CIG esíxelle ao MEFP o mesmo trato para o galego que para o castelán nas probas ABAU

O Ministerio fixo cambios como a non obrigatoriedade de Lingua Galega e Literatura II
Nacional - 13 Feb 2023

CIG-Ensino considera que a última versión presentada polo Ministerio de Educación e FP para regular a proba de acceso á universidade incide na discriminación das linguas cooficiais a respecto do castelán, ao deixar en man das Comunidades Autónomas a decisión de establecer a obrigatoriedade ou non de que o alumnado se teña que examinar de Lingua Galega e Literatura II.

Desde o sindicato maioritario no ensino público galego quérese deixar constancia de que, aínda estando de acordo en que as Comunidades Autónomas, como a galega, teñan maior ámbito competencial na ordenación académica e tamén no deseño desta proba, precisamente as modificacións introducidas polo Ministerio están vulnerando a igualdade que debe existir entre o galego e o castelán. Por iso pide a retirada concreta dese apartado, ao entender que pon en cuestión a realización das probas nas materias específicas da especialidade de Lingua e Literatura galega. 

Outras modificacións que non se contrastaron co profesorado

Desde a CIG-Ensino tamén se lle afea ao Ministerio que regule de costas ao profesorado sobre un tema no que a súa opinión debera contar alén do que as organizacións sindicais que o representan poidan facer chegar a través do Consello Escolar do Estado, un órgano consultivo e que non ten realmente poder para incidir nas decisións que toma a administración. “De novo as normativas académicas, ou ben se elaboran exclusivamente desde a sede ministerial, ou se negocian coas administración autónomicas na Conferencia Sectorial, pero non se elevan á Mesa Sectorial docente para darlle voz ao profesorado que ve como se anuncian varios cambios ao longo dos últimos meses sobre unha proba na que a súa opinión debera contar.

Algunhas das modificacións máis salientábeis, con respecto ao anunciado inicialmente, son a eliminación da proba de madurez, cando menos para o vindeiro curso; a elección por parte do alumnado entre Historia de España ou Historia da Filosofía; o incremento da duración de cada unha das probas a 105 minutos ou a decisión por parte das Comunidades Autónomas con linguas cooficiais de que exercicios se van ter que realizar empregando no noso caso o galego, dado que as únicas que establece que teñen que ser no idioma de impartición son Lingua castelá e Literatura II e Lingua estranxeira II.

Este último punto tamén é motivo de desaprobación por parte da CIG-Ensino que entende que, dada a aplicación do Decreto do Plurilingüismo en Galiza por parte da Consellaría de Educación, o galego queda relegado do seu uso e, polo tanto, da obrigatoriedade de amosar a súa competencia nas materiais científicas.

Neste sentido, a proposta da CIG-Ensino pasa porque a nivel galego se regule un novo Plan de Normalización Lingüística nas aulas e que estea, no caso das probas ABAU, cando menos a metade das mesmas, incluída a da materia obrigatoria da modalidade de Bacharelato cursado polo alumnado se teña que realizar no noso idioma.