A CIG esíxelle responsabilidades á dirección de Frutas Sol polo peche empresarial e reclama garantías para os dereitos do persoal

Demanda tamén que se investiguen as operacións patrimoniais realizados antes do cesamento da actividade
Vigo - 06 Nov 2026

A CIG-Servizos denuncia a grave situación na que se atopan as persoas traballadoras de Frutas Sol, con numerosos establecementos na zona sur da provincia de Pontevedra, tras a decisión empresarial de pechar as tendas e iniciar un procedemento de despedimento colectivo que afecta á totalidade do persoal das mercantís, Frutas Sol Galicia Sur SLU, Frutas Sol Pontevedra SL e Sun Fruit Spain SL. Unha decisión que deixa arredor de medio cento de persoas sen emprego e nunha situación de enorme incerteza sobre o cobramento dos salarios pendentes, as indemnizacións e o seu futuro económico.

“Estamos ante un novo exemplo de como as decisións empresariais poden acabar trasladando todo o custo dunha crise ás persoas traballadoras, que despois de anos de dedicación e esforzo ven como desaparece a actividade da empresa sen recibir explicacións convincentes nin garantías suficientes sobre os seus dereitos”, sinala o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez. 

Cómpre esclarecer se existiron operacións de transmisión de activos, cambios na estrutura societaria ou movementos patrimoniais que poidan ter afectado á capacidade das empresas para facer fronte ás súas obrigas laborais

A central sindical lembra que non abonda con presentar un ERE e dar por pechada a actividade, senón que a dirección ten a obriga de explicar que aconteceu, cal foi a evolución económica das sociedades, que decisións se adoptaron e que destino tiveron os activos e o patrimonio empresarial.

Neste caso, resulta especialmente relevante analizar as operacións empresariais realizadas nos últimos meses, entre elas a venda da plataforma loxística de Mos a Hermanos Fernández, integrada no Grupo Orsero, así como a situación das distintas sociedades mercantís vinculadas á actividade de Frutas Sol.

A CIG considera imprescindíbel investigar a relación entre estas operacións, o proceso de peche da rede comercial e a situación económica que a empresa presenta agora para xustificar os despedimentos. “Cómpre esclarecer se existiron operacións de transmisión de activos, cambios na estrutura societaria ou movementos patrimoniais que poidan ter afectado á capacidade das empresas para facer fronte ás súas obrigas laborais”, detalla Pérez.

O sindicato esixe que se analice a posible existencia de responsabilidades empresariais compartidas, sucesión de empresa, grupo de empresas para efectos laborais ou calquera outra circunstancia que, de acordo coa documentación e cos feitos acreditados, permita determinar quen debe responder das débedas e obrigas co persoal.

“Non imos aceptar que a complexidade dunha estrutura empresarial se utilice como escudo para evitar responsabilidades nin que as persoas traballadoras acaben pagando as consecuencias mentres os activos e a actividade empresarial pasan a outras mans”.

O FOGASA non pode substituír as responsabilidades empresariais

A CIG considera especialmente preocupante que a resolución deste conflito poida acabar derivando nunha situación na que as persoas traballadoras teñan que recorrer ao Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) para recuperar parte dos salarios e indemnizacións que lles corresponden. “O FOGASA é un mecanismo de protección ante determinadas situacións de insolvencia empresarial, pero non pode converterse nunha saída cómoda para as empresas nin nunha vía para trasladar ao conxunto da sociedade as consecuencias das súas decisións”.

Por iso, o sindicato reclama que se investigue a situación patrimonial das sociedades, a titularidade dos activos, as operacións realizadas e a posible existencia de responsabilidades doutras empresas vinculadas, co obxectivo de garantir que as débedas laborais sexan satisfeitas por quen legalmente corresponda. “Non imos dar por boa unha solución que se limite a tramitar os despidos e remitir posteriormente o persoal ao FOGASA sen esgotar todas as vías legais para esixir responsabilidades empresariais”.

No relativo ao procedemento de despedimento colectivo, a CIG esixirá que a empresa achegue toda a documentación económica, contábel, societaria e laboral necesaria para acreditar as causas alegadas. 

A central non vai aceptar que o período de consultas se converta nun simple trámite administrativo para formalizar unha decisión previamente adoptada pola dirección

Por outra banda, hoxe escolléronse as tres comisións ad hoc das mercantís afectadas do conglomerado empresarial de Frutas Sol. A negociación iniciarase o vindeiro xoves 12 de novembro, “e agardamos que sirva para coñecer a realidade da situación empresarial, comprobar a existencia das causas invocadas e explorar todas as posibilidades de continuidade da actividade e de mantemento dos postos de traballo”. Ao mesmo tempo, dende a CIG adiantan que non aceptarán que o período de consultas se converta nun simple trámite administrativo para formalizar unha decisión previamente adoptada pola dirección.

Para a CIG, o acontecido en Frutas Sol non pode resolverse simplemente pechando os establecementos, extinguindo os contratos de traballo e dando por finalizada a actividade empresarial, xa que detrás desta situación hai persoas traballadoras e familias que dependen dos seus salarios e que teñen dereito a recibir explicacións e a cobrar integramente as cantidades que lles corresponden.

“A dirección empresarial debe responder das súas decisións e non pode pretender que o cadro de persoal asuma en exclusiva as consecuencias dun proceso cuxas causas e operacións previas deben ser investigadas”. Polo que central empregará todas as vías sindicais, administrativas e xudiciais que resulten necesarias para defender os dereitos das persoas afectadas, investigar as posibles responsabilidades empresariais e evitar que o peche de Frutas Sol se converta nun caso máis de destrución de emprego sen consecuencias para quen toma as decisións.

“As persoas traballadoras non son responsables desta situación. Non teñen por que perder o seu emprego, os seus salarios e os seus dereitos para que as responsabilidades empresariais queden sen esclarecer; esiximos transparencia, garantías e responsabilidades. Porque o peche dunha empresa non pode significar o peche dos dereitos do seu persoal”.

Pincipais demandas da CIG a respecto de Frutas Sol
  • O pagamento de todos os salarios, atrasos e cantidades pendentes.

  • A garantía das indemnizacións legalmente correspondentes.

  • A investigación das operacións patrimoniais e societarias realizadas antes do peche.

  • A análise das posibles responsabilidades solidarias das empresas vinculadas, cando concorran os requisitos legais.

  • O acceso da representación legal das persoas traballadoras a toda a documentación necesaria para fiscalizar o proceso.

  • A adopción de todas as medidas legais necesarias para evitar que a insolvencia empresarial deixe desprotexida o cadro de persoal.