A CIG exixe a intervención inmediata da ONU para deter a agresión de Marrocos contra o Sáhara occidental

A central emite un comunicado demandando o pronunciamento do Goberno de España
Internacional - 16 Nov 2020

O pasado día 10 de novembro, xa manifestabamos desde a CIG a nosa preocupación pola situación que se estaba a dar en Guerguerat, rexión fronteiriza con Mauritania, situada en territorio saharauí, onde se estaban a concentrar as tropas do exército de Marrocos ao longo do muro que separa a zona do Sáhara da fenda creada alí ilegalmente, para actuar contra a poboación civil que levaba días manifestándose para reivindicar os seus dereitos territoriais, e rachando así o acordo de alto o fogo, recollido no acordo Militar nº 1, asinado por ámbalas dúas partes, coa Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO), nos anos 1998-1998, como parte do Plano de Acordo do 1991.

O pasado día 13 cumpríronse os peores presaxios, co comezo dos enfrontamentos armados e a posterior Declaración, o día 14, da ruptura do alto o fogo polo Presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Brahim Gali, a través dun Decreto no que tamén se empraza á Autoridade de Seguridade Nacional, encabezada polo Primeiro Ministro, “a tomar medidas relacionadas coa implementación dos requisitos de Estado de Guerracon respecto á xestión e administración das institucións e organismos nacionais e garantir a regularidade dos servizos á poboación 090/099TRAD “.

Cambio de actitude da ONU

Denunciamos a responsabilidade da ONU neste conflito e esixímoslle un cambio de actitude e a inmediata intervención para solucionar o problema que desde esta institución contribuíron a crear. O que debera ser unha misión para poñer en marcha o Referendo de Autodeterminación do Sáhara Occidental, tal e como estaba acordado, foi na práctica unha actuación totalmente cómplice co estado opresor que estaba a ocupar ilegalmente o territorio saharauí.

Manifestamos a nosa admiración polo pobo saharauí e a súa historia de resistencia. Vendo as súas terras ocupadas ilegalmente durante 45 anos, e forzando ao exilio agrande parte da súa poboación nos campamentos de refuxiados de Tinduf. Sufrindo masacres como a de Zemla ou a desaparición de Basiri. Soportando 16 anos de guerra, a perda de mártires e mutilacións causadas polas minas instaladas por Marrocos nos seus territorios (nós tivemos a ocasión de estar con esta xente mutilada) ou os bombardeos con Napalm e fósforo branco (ámbolos dous ilegais).

Anos de represión contra a lexítima protesta, de violación dos dereitos humanos, de desaparicións forzadas, de detencións e xuízos “farsa” contra os presos torturados na cadea, ou de observar a construción nas súas terras dun muro de 2.720 quilómetros. Anos vendo como as misións enviadas pola ONU non facían nada por levar a cabo o pactado, e como calquera misión independente era boicoteada por Marrocos, o mesmo que calquera acto de solidariedade que temos organizado en foros Internacionais nós mesmos e outras organizacións. Anos observando como os seus recursos seguen a ser explotados polo estado colonial, a pesar de haber xa ata dúas sentenzas que o condenan por parte de tribunais europeos. O fósforo das súas minas, os seus produtos agrarios ou o polbo que se vende como galego polo mundo adiante son explotados ilegalmente por Marrocos e empresas europeas, mentres os seus donos lexítimos teñen que vivir da Solidariedade. 

E queremos denunciar tamén, de xeito moi especial, a actitude dos gobernos do Estado Español, como potencia administradora do territorio logo da descolonización, tanto no pasado como agora mesmo. Desde o total desentendemento do Rei Emérito, hoxe fugado, pasando polos diferentes gobernos conservadores do PP e neoliberais do PSOE, e polos favores de Felipe González como pago aos que o reino de Marrocos lle prestaba a el, ata o actual goberno, que segue sen manifestarse ao respecto.

Nin muda a tradicional postura do PSOE en favor de Marrocos, nin escoitamos aos outros socios de goberno pronunciarse ao respecto, como o fixeron na oposición. Pablo Iglesias e a xente de Podemos manteñen un silencio sepulcral ao respecto, e Esquerda Unida ou o PCE fan comunicados públicos, mentres os seus membros do goberno tamén gardan silencio. Canta Hipocrisía! Moita Solidariedade nos papeis e total desentendemento cando se está nas institucións que poden facer algo para resolver o problema. Pois, o problema do pobo saharauí, militantes da esquerda española, non se resolve con comunicados e axudas humanitarias tan só. O problema debe ter unha solución política, que non pasa máis que por facer cumprir dunha vez os acordos e levar a cabo o Referendo que remate dunha vez cun Sáhara Occidental independente.

A UGTSARIO vese na obriga de suspender o seu congreso diante desta alarmante situación

No medio desta situación, temos que lamentar que a organización sindical amiga da CIG, a UGTSARIO, ten que suspender o seu congreso, previsto para o vindeiro mes de decembro  e ao que, coma sempre, a CIG ía asistir como convidada.

Toda a nosa Solidariedade coa UGTSARIO, coa Fronte Polisario e co pobo saharauí. Desde a CIG, agardamos que ese próximo congreso adiado poida celebrarse xa nunha República Árabe Saharauí Democrática independente e dona de seu. Desde a CIG promoveremos e participaremos nas mobilizacións en Galiza para denunciar esta agresión.

Desde Galiza, todo o noso apoio e Solidariedade! SÁHARA HURRA!

En Santiago de Compostela, a 16 de novembro de 2020.