A CIG exixe á Xunta máis control e mellores condicións laborais nos centros especiais de emprego

Se a situación non muda solicitarán a descualificación como CEE de Ilunión Servizos Industriais
Nacional - 02 Out 2019

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco González Sío, e o avogado da central sindical, Héctor López de Castro, mantiveron este martes unha xuntanza coa Directora Xeral de Relacións Laborais, María Coutinho, para explicarlle a situación de precariedade e explotación laboral que sofre o persoal de Ilunión Servizos Industriales, un dos 183 Centros Especiais de Empregos que operan en Galiza.

En concreto este CEE realiza a súa actividade en diferentes empresas do sector da automoción galega, especialmente na planta de PSA Vigo, onde ten máis de 300 traballadores e traballadoras, mais tamén en Lear Vigo, onde ten 70; 40 en Benteler e en menor medida na planta de Denso.

Competencia desleal

Segundo explica González Sío, nos últimos meses o número de persoas traballadoras de este CEE aumentou exponencialmente superando con creces os 400 traballadores/as, o que amosa unha aposta clara polo clúster do automóbil e da planta de PSA “para facer competencia desleal as contratas que cumpren cos convenios de sector, empregando ao persoal destas empresas como man de obra barata sen ningún tipo de dereito nin mellora laboral”.

Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, deste xeito increméntanse os beneficios de PSA e do resto de empresas da automoción “mediante o abuso e a escravitude laboral a este colectivo de persoas traballadoras, que debemos recordar que son un colectivo co que debería, pola contra, ter especial sensibilidade”.

Substitución de persoal propio

González Sío afirma que na planta de PSA Vigo substituíron o persoal propio da empresa. En concreto “dúas naves enteiras traballan coas persoas traballadoras de Ilunion, obrigándoos a traballar de luns a domingo, malia o Convenio de CEE prohibir que este colectivo de traballadores fagan horas extras”.

Neste sentido, denuncia que a propia empresa aplica unha bolsa de horas a estes traballadores pese a que a propia Inspección de Traballo prohibiu a súa aplicación. “Empregan a persoas cun grado de discapacidade na maioría das veces dun 33%, que antes da crise serían traballadores que realizarían a súa actividade en empresas habituais como a propia PSA. Agora se lle exixe, como se non tiveran esa minusvalía e non fora un colectivo con especial sensibilidade, ademais de traballar sen monitores no caso de minusvalías maiores”.

O secretario confederal de Emprego lembra que o obxectivo principal dos centros especiais de emprego é o de proporcionar as persoas traballadoras con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado, adecuado as súas características persoais e que facilite a súa integración laboral no mercado ordinario de traballo.

Fronte a isto denuncia que a realidade é que “estes centros especiais de emprego deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral para converterse e precariedade subvencionada polas Administracións públicas, que ademais reciben bonificacións e vantaxes fiscais.

Convenio con salario mínimo, diferente ao de PSA

Xunto a isto denuncia tamén que esta empresa non aplica nin o Convenio de PSA Vigo, nin o convenio do Metal de Pontevedra, senón o Convenio de Centros Especias de Emprego, que remunera co salario mínimo (900 euros o mes) e que ten como fin prover de man de obra barata as empresas clientes. “Ofrecen man de obra barata, obtendo un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel dos CEE como facilitadores de integración laboral”.

Por iso na xuntanza solicitóuselle a Xunta que obrigue a esta empresa a aplicar o convenio sectorial, e que se incremente o control sobre estes, xa que non cumpren coa lexislación vixente. “Incumpre o Real Decreto 290/2004 para poder conformar un enclave laboral. Non informan a autoridade das actividades que realizan, nin a representación dos traballadores dos centros de traballo onde prestan servizos nin das súas condicións laborais como marca a lei, traballan sen monitores..”.

Cláusulas “abusivas” segundo a Inspección de Traballo

Paco González Sío lembra que a propia Inspección de Traballo xa considerou abusivas as cláusulas adicionais que aplicaban aos contratos de traballo por establecer condicións inferiores ás legais.  Empresa que ten parte do seu cadro de persoal traballando nunha ETT propia, chamada Ilunion Capital Humano, incidindo máis na situación de precariedade destes traballadores.

Ademais denuncia que “tamén sofren abusos no que ten que ver coa xornada de traballo, realizando horas extraordinarias (até 30 horas extras semanais) cando o teñen prohibido. Tamén superan o límite máximo diario de horas sen que fora acordado en convenio. Estas irregularidades en materia de tempo de traballo supuxeron o inicio dun expediente sancionador por parte da autoridade laboral”.

Subvencións

Pese a todos estes abusos, estas empresas teñen subvencións financeiras e en activos fixos, en función dos postos de traballo creados. Axudas para o mantemento de postos de traballo, bonificacións nas cotas a Seguridade Social, por custo salarial ou adaptación de postos de traballo. En definitiva “explotación subvencionada con cartos públicos, sen exixir condicións de traballo dignas”.

Xunto a isto a CIG trasladou á Xunta que no rexistro, esta empresa non indica as novas actividades que realiza, nin os novos enclaves onde realiza o seu traballo e que, nin sequera coincide o seu domicilio social, nin o NIF, “algo que, de facto, o invalidaría para ser un CEE”.

Por iso a CIG advirte que se non hai un compromiso da Xunta de mellorar as condicións de traballo deste colectivo “solicitaremos a descatalogación deste CEE”.