A CIG exíxelle ao Goberno que estableza xa o rexistro obrigatorio de xornada

Denuncia a “dilación innecesaria” e lembra que foi aprobado en 2017 polo Congreso
Nacional - 10 Dec 2018

O 13 de xuño de 2017 a CIG remitía aos grupos do Congreso dos/as Deputados/as unha iniciativa para modificar a lexislación estabelecendo o rexistro obrigatorio da xornada laboral. A central sindical optaba por esta medida logo de anos loitando pola súa implantación e despois de que a xustiza española dera para atrás á obrigatoriedade de implantala.

Aos dous días o PSOE presentaba unha proposta no sentido da achegada pola central sindical e, uns días despois, EH Bildu outra. Tras do seu debate, o Congreso dos Deputados/as  aprobou, en outubro do 2017, a modificación legal para que o rexistro fose obrigatorio, histórica demanda da CIG. PP e Ciudadanos bloquearon cos seus votos en contra a posta en marcha desa modificación legal.

Hai apenas un mes facíase público que o goberno ten preparado o borrador desta reforma que contempla a obriga das empresas a rexistrar a xornada de cada traballador e traballadora a diario, incluíndo o horario concreto de entrada e saída, e a remitir esa información mensualmente ás/aos representantes sindicais.

Contra a flexibilidade horaria, as horas extraordinarias e a fraude

En xaneiro e febreiro de 2010 a CIG convocaba concentracións diante dos principais bancos de distintas cidades galegas para denunciar os acordos de “flexibilidade horaria” que se estaban impoñendo nos grandes bancos coa complicidade de CCOO e UGT. Acordos que remataban coa xornada regulada, dando paso ao traballo por obxectivos e que consagraban a impunidade para realizar milleiros de horas extras.

Horas que eran e son unha fraude á Seguridade Social e a Facenda, xa que non se cotizan, mais que tamén eran e son unha fraude ao persoal desas entidades, porque máis do 60% das horas extras nin se pagan nin se cotizan e, ademais, impiden a conciliación da vida laboral e persoal das traballadoras e traballadores.

Cando esas entidades bancarias e sindicatos chegaron a estes acordos a CIG propuxo xa a creación dun sistema de control horario que non foi aceptado. Foron as distintas Inspeccións de Traballo as que levantaron actas en base ás nosas denuncias e iniciaron procedementos de sancións por extensión ilegal de xornada. Pero seguiron sen se implantar sistemas de control horario e de rexistro de horas.

A CIG puxo en marcha campañas e seguiu desenvolvendo mobilizacións, ademais de presentar demandas contra os bancos. Inicialmente a Audiencia Nacional deu a razón á central sindical, pero foron precisamente os bancos rescatados (Abanca e Bankia) quen recorreron ao Supremo. Entre mentres, as patronais bancarias abriron –en 2017- procesos de negociación, que se deron por rematados sen acordo despois do fallo do Tribunal Supremo –emitido a raíz do recurso antes mencionado-, que lles deu a razón.

A partir de aí preparouse a iniciativa que posteriormente aprobou o Congreso e que deu no borrador que hoxe ten o goberno sobre a mesa para o control horario obrigatorio.

Foi pois un longo periplo e un intenso traballo en defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores, non só do sector bancario senón tamén doutros sectores como o de Servizos, onde o persoal sofre unha desregulación horaria, ou extensión ilegal da xornada máis propia do século XIX, no comercio, en grandes superficies ou en supermercados, entre outros.

Por iso a CIG considera indecente que haxa agora organizacións sindicais que pretendan apropiarse en exclusiva do traballo feito por esta central sindical, mais tamén denuncia que desde o goberno se remitira esa proposta a esoutras organizacións sindicais, pero non se fixera chegar ao noso sindicato que foi quen, desde hai máis de 20 anos, vén denunciando esta situación e reclamando un rexistro de xornada efectivo para rematar coa precariedade, coa fraude á Seguridade Social, a Facenda e ás propias traballadoras e traballadores.

Así, a CIG exixe ao goberno que poña en marcha a modificación antifraude, instada pola organización sindical e aprobada polo propio Congreso dos Deputados/as e deixe de utilizala propagandisticamente.