A CIG exíxelle ao MITECO que aclare que capacidade de evacuación ten asignada As Pontes para o concurso de transición xusta

As Pontes - 04 Out 2022

Diante das modificacións dos criterios técnicos feitos por REE e das informacións trasladadas polo sector, a CIG exíxelle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, á Xunta de Galiza e ao Concello información clara e concreta sobre a capacidade de evacuación asignada ás Pontes para o concurso de transición xusta.

De igual xeito, a CIG volve reclamar a convocatoria pública para a liberación urxente dos 700 MW de evacuación que Endesa ten asignados para os grupos 3 e 4 (cuxo peche xa foi autorizado) e a convocatoria do concurso de transición xusta deses MW, pois é aí onde realmente a comarca se xoga a súas posibilidades de reindustrialización.

A CIG fai este chamado ante a modificación que Red Eléctrica de España, empresa pública de transporte de electricidade, vén de facer dos criterios técnicos para calcular a capacidade de evacuación, contemplando tres escenarios diferentes e outorgando a capacidade evacuación ao menor dos tres escenarios. Neste novo sistema de cálculo, á central térmica das Pontes corresponderíanlle 0 MW de evacuación, ou dito doutro xeito, non tería concurso de transición xusta e, polo tanto, perdería a posibilidade de recibir propostas industriais e sociais ligadas á capacidade de evacuación.

Como salvedade a esta situación, Endesa ten preasignados, antes dos cambios de criterio de REE, uns 640 MW, que si se poderían adxudicar sempre e cando a Xunta de Galiza considere os seus proxectos como estratéxicos.

Pero de confirmarse estas premisas, As Pontes estaría perdendo o seu único atractivo para a reindustrialización da comarca, posto que (malia os reiterados chamados neste sentido) o concello carece de solo industrial e ficaría só coa alternativa de Endesa, sen ningunha outra competidora e sen que, ademais, todos os proxectos até agora anunciados (e ligados aos sector eléctrico) tiveran capacidade de evacuación suficiente. Dada a gravidade dos feitos, é preciso que tanto o Concello das Pontes, como a Xunta de Galiza e o MITECO aclaren de xeito inmediato esta cuestión.

A importancia dos concursos de Transición Xusta

Segundo estaba previsto, cando unha central térmica ou nuclear ten autorización de peche, os MW de evacuación que estaban á súa disposición  -e que son propiedade de REE-, tiñan obriga de saír a un concurso público. Neste proceso presentaríanse as diferentes ofertas con proxectos industriais e propostas sociais e, logo da súa valoración, determinaríase que ofertas son as adxudicatarias desa capacidade de evacuación.

A capacidade de evacuación de MW é determinante para poder acometer novos proxectos enerxéticos e no caso das Pontes esta capacidade debería ser, ao peche completo da térmica, de 1.400 MW.

Como exemplo da importancia destes concursos temos o caso do nó Mudejar, actualmente en fase de adxudicación, que xestiona os 1.200 MW liberados polo peche da central térmica de Endesa en Andorra (Teruel).

A este concurso público téñense presentado 11 proxectos de diferentes empresas enerxéticas: Endesa, Iberdrola, Naturgy, Acciona, Solaria, Forestalia, etc. Todos os proxectos levan asociados actuacións no ámbito industrial, de xeración de emprego e de potenciación da economía da zona.

Pola súa singularidade destaca unha das propostas que, a cambio da concesión dos MW liberados pola central térmica, como plan social oferta o consumo gratuíto de electricidade a todo o concello de Andorra e, ademais, as empresas que se instalen nesa comarca terían un prezo fixo de 35 euros/MWh e no resto da provincia de Teruel de 40 euros/MWh.